Foisenos Kiko, a percusión da vida....

A primeira imaxe que tiven de Kiko foi a dunha foto dos entroidos en Chanteiro, xustamente do ano no que eu nacín. Logo tiven a oportunidade de acompañalo –naquela trouleada que argallaba o Lolo do Outeiro– a Betanzos, Sada, A Coruña....E sempre, na compaña daquela “caixa” que seica viña de xeracións anteriores, e que era o acompañamento preciso da gaita de Pepe Coira e do bombo de Monchiño. Alí descubría eu a música, a tradición.
Pasados os anos, o reencontro agromou nun proxecto que nos (me) deu grandes satisfaccións: o grupo de gaitas “Virxe da Mercé”, que logo convertérase en “Trouleada”. Faltaríanme horas para lembrar os bos momentos que nos deixou aquel proxecto, percorrendo corredoiras e rúas da comarca, espallando e dignificando a nosa música tradicional e facendo, ao noso xeito, País. 
As diferencias –tamén xeracionais– nunca foron un problema, sobre todo porque había un fío condutor que nos mantiña unidos: a amizade e a música. E así botamos anos e anos, fóra xá do formato do grupo de gaitas, pero sempre conectados; como cando no 2010 botamos á rúa os entroidos que fixera o señor Lolo, e montamos as repichocas no verán, e no nadal, e cando facía falla....
Penso que o xenio que levaba dentro –que transformaba en percusión– axudoulle a loitar nestes últimos anos contra da enfermidade, e no pasado mes de Agosto foi quen de entregarnos –apegado ao tamboril– unha derradeira mostra de xenerosidade e compromiso coa música tradicional; e coas xentes que tivemos o privilexio de contar coa súa amizade. 
E xusto agora, cando estabamos a traballar con ilusión na homenaxe ao seu grande amigo –persoal e musical– Pepe Coira, foisenos Kiko; deixandonos sen o necesario acompañamento que sempre nos deu, musical e humano. Mais, coma él fixo, habemos transformar este desacougo en enerxía positiva e percusión na alborada permanente que é a vida. A próxima repichoca vai por tí, compañeiro !

Foisenos Kiko, a percusión da vida....

Te puede interesar