“LOBOS SUCIOS”: UN FILME PERTINENTE

Aestrea de “Lobos sucios” veuse materializar no pasado 8 de abril en todos os cinemas galegos. A historia que nel se nos conta, alén de resultar pertinente, dígase de antemán que é abordada con moita dignidade vista desde todos os ángulos. A escasez de orzamento (habitual en moitas producións cinematográficas españolas e galegas en xeral) e o feito de ser a primeira longametraxe do seu director, Simón Casal de Miguel, non mingua o resultado final do produto, ora puidesen ser matizadas certas propostas, francamente perdoábeis. Mais a maior pexa, para o noso entender, é que o filme non fale en galego. Director, moitos actores e actrices, localizacións e historia sitúanse en Galiza, porén, fáltalle a lingua para confirmarmos con plenitude ser cinema galego, dado que os recursos, orzamentos, apoios de diferentes entidades, etc., condicionan enormemente o resultado final de canto produce a sétima arte. 
Hai algo máis dun ano escribiamos sobre esta historia que estaba a ser rodada daquela no artigo “Filmes con cerna galega”. Unha curtametraxe previa de Felipe Rodríguez Lameiro, presentando tres liñas narrativas, inspirara esta longametraxe. Na primeira liña, producíase o desenterramento do corpo do maquis andaluz Miguel Cardeñas Lozano, quen cumpría 30 anos de condena nas minas de wolfram de Casaio. Na segunda, producíase outro desenterramento, o da memoria: a explotación das citadas minas valdeorresas durante a II Guerra Mundial pola Alemaña nazi. E na terceira das liñas, falábase do lobo, sorte de lobishome tal que o do conto “O lobo da xente”, recollido por Vicente Risco no seu tempo, ben propio dos faladoiros ao pé da lareira, e que vén rodeado dun halo de maxia e de misterio. 
O vocábulo ‘wolfram’, por súa vez, xoga co título da fita cinematográfica. En alemán trataríase dunha palabra composta (wolf ‘lobo’ + ram ‘sucio’), de forma que nesta curiosa ambivalencia ou simbiose é que se ha de mover toda a historia. Quer o mineral, quer o animal, son ambos consubstanciais á narración fílmica, se ben caiba maior peso narrativo sobre o primeiro elemento que sobre o segundo. O traballo nas minas de wolfram de Casaio, hoxe no concello de Carballeda de Valdeorras, envólveo na súa totalidade. O recinto en que se achan as explotacións mineiras, os túneles que se escavan e os barracóns en que moran os presos republicanos acollidos á idea de Franco do “Patronato de Rendención de Penas por Trabajo”, ademais da aldea en que viven outros dos traballadores, neste caso libres, e que se dedican aos mesmos mesteres, é o marco referencial en que a historia vai ser relatada. 
Unha mai solteira, cuxa filla pequena está doente e corre con fama de medio bruxa, protagoniza a acción. O pobo, para saír da miseria, tenta traballar na explotación de wolfram, igual que Manuela, a nosa protagonista, ou ben se dedica ao estraperlo extraéndoo por fóra ou sacándoo da mina escondido. Despois, un complot entre a guerrilla que está no monte e algúns presos tenta sabotar as instalacións. Existe tamén un par de persoas de países aliados instalado na zona que colabora nesta sabotaxe. Amores de por medio, interesados uns, verdadeiros outros, xúntanse para fornecer outra face máis da historia, máxica e esotérica ela, e que vén a redondear o relato dos feitos, entretanto a guerra está a chegar á súa fin. 
Presenciamos, en suma, un cinema con memoria, ao ser rescatada do anonimato Manuela del Valle, persoa real encarnada no filme a través da figura da protagonista, e da do maquis andaluz, Miguel Cardeñas Lozano, outro dos personaxes principais, cabecilla do complot sabotador. E é que en Casaio, nas minas de wolfram de Valborraz, chegou a haber 461 presos, entre andaluces, extremeños, madrileños e asturianos, que cumprían de 12 a 30 anos de prisión, polo sistema de redención de penas por traballo. Falamos de feitos reais: Miguel Cardeñas Lozano fuxiría das minas en 1944, sendo abatido en 1949; e da explosión na caseta de máquinas, producida no 25 de abril de 1945, que con certeza foi levada a cabo pola dirección da mina, en mans dos nazis, unha vez Alemaña tiña xa a guerra perdida, se ben se coidaran de botar a culpa á guerrilla. 
Trátase, en fin, dun filme que nos vén reconciliar co noso pasado. Referímonos a esa historia máis recente que o franquismo pretendeu borrar ou contar á súa maneira distorsionándoa, e quere saír agora por fin á superficie. Un relato que fala da connivencia do réxime coa Alemaña nazi e dos que loitan pola sobrevivencia, quer traballando como presos, quer libremente, e aqueloutros que se entregan á causa por acabar coa guerra e pelexan pola liberdade. Un excelente debut de Simón Casal de Miguel, arroupado por un bon elenco de actores, e dunha óptima ambientación para dar ficción, con todos estes ingredientes, a unha interesante historia. 
 

“LOBOS SUCIOS”: UN FILME PERTINENTE

Te puede interesar