CHAMÁBANLLE A "ANARQUISTA"

Tomamos o título do noso artigo de hoxe da primeira das frases con que arranca o relato de Castelao, “A Marquesiña”, contido no seu afamado libro Cousas. Relatos, os deste libro, aos que o rianxeiro prefería denominar cousas, pois que a ilustración con que abre cada unha delas, axuda enormemente á comprensión e confección dese todo que o seu autor nos pretende transmitir, tal como ocorre neste caso a que nos referimos. A rapaciña, a súa protagonista, aparece debuxada de fronte e á dereita da imaxe, mais coa cabeza abaixada, nese eterno signo dos humildes cando senten vergoña, entrementres a sella que ha de levar chea de auga, está a se encher nunha bonita fonte barroca. Pobreza e humildade ao lado da nobreza e do barroquismo da fonte, en que queremos ver reflectida, dalgún modo, a figura do marqués para conformar este deseño previo cheo de expresividade e forza.
Chamábanlle a ‘marquesiña’ e os seus peíños endexamais se calzaron
Vai á fonte, depelica patacas e chámanlle a Marquesiña.
Non foi á escola por non ter chambra que pór, e chámanlle a Marquesiña.
Non probou máis lambetadas que unha pedra de azucre, e chámanlle a Marquesiña.
A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do marqués.
E aínda lle chaman a Marquesiña!
O texto é o suficientemente breve como para ceder á tentación de llelo ter reproducido na súa integridade. Alén do deseño que o acompaña, podemos dicir del que, nun certo sentido, estamos en presenza dunha sorte de poema narrativo ou, se lle damos a volta, unha prosa poética con ritmo e música, xa que a disposición gráfica é practicamente en versos.
A repetición paralelística, “chámanlle a Marquesiña”, é a que mantén a tensión básica do texto, ora existan aínda outros secundarios que reforzan a poeticidade desta cousa.  
Perdoen a inclusión deste extenso exordio pero crémolo en sintonía co conto ao que en verdade nos queremos referir, O anarquista, novela curta publicada en 1924 na editorial Lar. Dito xénero gañou grande difusión daquela, tamén cultivado pola Céltiga de Ferrol, que publicará Un ollo de vidro de Castelao (1922). Ou coleccións como Terra a nosa! e Alborada, que deron a coñecer novelas curtas de Pedraio, Risco, Lesta Meis, Amado Carballo, etc. O anarquista escribiuno Leandro Pita Romero, membro das Irmandades da Fala, e xornalista no Noroeste da Coruña e despois en El Orzán –foi o seu director–, e con posterioridade en xornais madrileños e estranxeiros. Formou parte do Partido Agrarista Republicano, que se unirá á Federación Republicana Gallega de Casares Quiroga. No bienio negro, saltará á vida pública como ministro de Mariña. Embaixador no Vaticano, de dereitas e católico, exíliase porén tras a sublevación do xeneral Franco.
Esta noveliña de Leandro Pita Romero céntrase nos abusos caciquís producidos no agro galego, poñamos por caso, nos inicios do séc.XX ou, se acaso, no devalar do XIX. A “Anarquista” é unha coitada que malvive coidando dunha vaca fraca, que é a súa única propiedade. Os veciños propietarios bótana daqueles lugares onde ela pasta, de modo que sempre acaba nalgunha retesía con eles, que é así como comeza o relato. A rifa serve para que o narrador nos conte a historia desta malpocada rapariga, a cal lle foi narrada previamente a el por Antón da Chousa, acontecementos que teñen lugar na parroquia de San Xián de Lanzós.
Mariano de Vilar, pai da rapariga, devece por que súa filla estude e abandone a vida campesiña. Marica-Antona, mai da rapariga, non é do mesmo parecer, pois non quere que se converta en señorita. Mais esta morrerá ao pouco e o pai concederalle á filla o desexo de que poida estudar, e que poña unha pasantía. O pai, por súa vez, quérese meter a tendeiro e monta na súa casa o negocio. Os problemas acoden axiña, pois o outro tendeiro, o sr. Andrés, verdadeiro cacique que gañou moito diñeiro co concello, cos embarcos e as quintas, tenta buscarlle a ruína. Denúnciao e consegue que non lle dean os papeis de apertura. Logra, así mesmo, que tamén non se poida regularizar a escoliña de María. Todo canto fora vendendo Mariano de Vilar para poder conseguir a tenda e o xénero, acabará indo á ruína, ao ficar finalmente adebedado. Morrerá triste tamén, unha vez soubera que nin fora capaz de queimarlle a casa ao sr. Andrés con el dentro, despois de lle colocar un envurullo de foguetes con pólvora no limiar da porta.
O certo é que ninguén na aldea lle quería ao sr. Andrés, pois xa a moitos outros arruinara antes, e malia todo non había quen lle puxese medo. Porén, a xente ollaba para a casa de Mariano de Vilar “E no fondo da alma, naquel acougo da faena, cada home lía ben claro o seu pensamento.
Lástima de bomba, que non fixo xustiza!”. Outro dicía: “Quen lle diría a un veciño tan honrado que había de rematar de anarquista”. Aquilo foi canto María puido herdar de seu pai, o aveso alcume da “Anarquista”, ben infeliz ironía do destino, dado que quen había de ir para señorita veu a converterse no ser máis pobre da aldea.

 

CHAMÁBANLLE A "ANARQUISTA"

Te puede interesar