Un ateísmo indefinido

A sociedade na que vivimos está deixando de prestar atención a Deus, ou máis aínda, ao denominado fenómeno relixioso, as relixións, sen que por outra parte se vexa que as persoas mostran interese en unirse, tanto aos crentes coma aos ateos. Máis ben, a xente pasa de todo. E a causa de este abandono relixioso parece estar en deixarse levar por un ambiente de carácter pragmático e sen outras preocupacións máis que as da vida ordinaria. O ateísmo, nesta cultura chamada do “benestar”, seguramente non é o que foi en tempos pasados cando algúns se entretiñan no debate dialéctico ata chegar a negar a existencia de un Deus persoal e familiar. Pero agora prescinden do discurso teórico. A xente simplifica e abrevia, non o discute, pasa, non mostra interese, chégalle cos problemas da vida, din. Non se entreteñen, porque Deus non está realmente presente e polo tanto non precisan tampouco negar a súa existencia. E, de existir queda ausente e non o consideran un estorbo nin un impedimento para a súa liberdade, tanto na vida privada como nas relacións familiares e sociais. Perdeuse incluso aquel medo ao descoñecido, aquilo de poñer unha vela a Deus e outra ao Demo, por se acaso. Así, de este modo, vívese sen preocupación aparente para facer cada quen como mellor lle pareza. Algo semellante ou parecido, sen as características hispanas, é o que pasa tamén en  gran parte da Comunidade Europea. Existe algunha explicación de por qué se chegou a esta situación nesta España algún tempo “martelo de herexes?” Hai precedentes que nos permiten comprender de algún modo as causas de este cambio radical nunha sociedade que viña  estando máis ou menos cristianizada, como foi en tempos a española. Para comprendelo debemos recoñecer que a Igrexa Católica non está libre de responsabilidades neste enfrontamento no que ela levou as de perder como estamos vendo agora. Unha das causas está nas corrupcións e corruptelas do poder clerical en tempos pasados e que permaneceron durante varios séculos, e na alianza do poder eclesiástico co político dende o Medievo ata a ditadura de Franco que algúns aínda recordamos. E en tempos máis recentes está o choque da Igrexa coa entrada da chamada Modernidade e o clima de liberdade e liberación que esta aportaba para unha sociedade humillada, ignorante e abusada. Todo acompañado de unha imaxe deformada de un Deus terrorífico que condenaba ao inferno polas debilidades humanas. Eran as predicacións de moitos cregos con escasa formación e pouco coñecemento do Evanxeo de Xesús o crucificado por servir aos pobres.  

Un ateísmo indefinido

Te puede interesar