Diciamos non hai moito que a xente deixou de prestar atención a Deus. Perderon o medo ao inferno e pasan de todo o relacionado coas crenzas e as relixións. E aqueles que aínda gardaban algún sentimento de relixiosidade a maior parte foron botando todo pola borda. Continuando hoxe co tema, pretendo acercarme un pouco máis para ver de encontrarlle algunha explicación a este fenómeno de abandono total de un sentimento popular que permanecera moitos séculos coma unha característica da Europa Medieval acompañando a millóns de fieis que encontrarban acougo nel. A Igrexa ten cometido moitos erros ao longo da súa milenaria historia. Padeceu frecuentemente da enfermidade do integrismo, vivindo pechada en si mesma considerándose a única e verdadeira lexítima representante de Deus no mundo. Pero, coa entrada da modernidade as cousas empezaron a cambiar radicalmente, ata o extremo de que agora estase a producir un abandono masivo como se ven apreciando.
A modernidade espertara nas persoas un sentimento da súa maioría de idade e tamén a conciencia das súas capacidades para gobernarse por si mesmas, deixando atrás a tutela da Igrexa. Pero entre todo o que os modernos menosprezaron das vellas tradicións non todo era inservible.
Certo que apartarse da Igrexa tiña algunha xustificación debido aos abusos cometidos polo poder clerical. Máis na Igrexa non todo era auga sucia, tamén, en bastantes casos, coa auga sucia tirouse tamén o neno que acababan de lavar nela.
A Igrexa, continuidade do grupo dos discípulos de Xesús de Nazaret, non desapareceu en vinte séculos historia. Cando el foi crucificado polo Imperio Romano, os discípulos gardaron as súas palabras que consideraban liberadoras para os pobres e os desvalidos.
Así empezou a Igrexa. Outra cousa é a estrutura de poder que ao longo da historia veu collendo. A sinxeleza ten que retornar á Igrexa para poñerse do lado dos pobres e dos humildes. Aí está o seu sitio. Así crerán nela de novo moitos dos que se viñeron apartando.
O Papa Francisco acaba de falar moi claro: “Os verdadeiros ateos non son tanto os que negan a Deus senón os que se esquecen do próximo inxustamente tratado”.
Desta maneira enténdese todo. Non é posible crer en Deus a que non se ve mentres se abandona ao necesitado que tes ao teu lado. Unha lección ben clara para todos os que queiran entender.