Non parece seguro que Cataluña se queira ir de España así sen máis. Din que o queren facer pero a maioría dos cataláns, chegada a hora, non se apuran a dar ese paso. Do contrario terían xa preparados os camiños que deben seguir cara a ese descoñecido destino. Unha viaxe tan complicada como é a de declararse independente, deixando de lado a súa vinculación cultural e social con España, non parece que lle vaia resultar posible de inmediato. Máis claro parecen ter o de onde quere saír. Eles din que queren marchar de un país que lles está a negar a súa autonomía como entidade capacitada e disposta a gobernarse sen tutelas e con todos os dereitos. Mais existen outras saídas menos traumáticas para resolver o seu problema. A negociación. Pero a presa dos cataláns por independizarse parece estar sendo animada pola incomprensión de este goberno do partido popular, o que xa viña estando e o que repite, considerado por non poucos unha fábrica de independentismo.
Así é que a presa dos cataláns parece vir dada máis por de onde queren saír que de a onde buscan ir. De este xeito parece consideralo González Faus, un pensador e teólogo catalán con extraordinaria capacidade para facer o diagnóstico da realidade humana e política española. Ningún problema social e humano parece estar ausente das súas preocupacións, empezando polas que lle afectan directamente a Cataluña, como faría calquera analista da realidade. Empezar polo inmediato e próximo, porque el séntese catalán.
Nunha entrevista que lle fixeron hai pouco, di que o inferno da política española está pavimentado de boas intencións. Pero só coas intencións non se vive nin se goberna. É necesario resolver os problemas que temos e que padecen singularmente os sectores da sociedade cada vez máis apartados e marxinados, como son as persoas pobres e socialmente máis débiles. O Faus humanista quere afianzar a idea de que o prioritario na política deben ser sempre as persoas antes que as ideas. Persoas que non teñen medios económicos para vivir humanamente. Son, en primeiro lugar, eses tres millóns e medio de españois –e outros tantos que non saen á luz- que malviven con 330 € para todo o mes. As persoas si, esas que parece que non lle importan a ninguén, que non son de ninguén. En canto á situación política di que Cataluña é unha bomba de reloxería que non sabemos cando pode explotar.
Con todo, afirma que este non é un dos temas actuais máis importantes para el. Pensa primeiro nas calamidades do mundo actual e nese descoñecido número de persoas que mal viven baixo o umbral da pobreza.