Que todo o Sistema está defendendo as súas reservas de alimentos. Teme caer no baleiro, na fame de non saber que facer por iso son vítimas conscientes ou inconscientes das súas prácticas de vida. Non están preparados para novos plantexamentos que lles cuestionan todo o seu modo de facer e de vivir, acomodados no poder que lles proporcionou ser impartidores de verdades e mentidas, de xustizas e inxustizas, de establecer que é o que é ou non é correcto, acorde coa norma creada para que se instalaran con comodidade. Recorrendo a frases tan peregrinas como”...toda a vida de deus se fixo así...”....” en case todo o mundo isto se fai así...”
Como se fose “ todo o mundo” ou o que se “fixo sempre” quen transformou a sociedade en algo máis xusta e democrática.
Entón que esperamos as mulleres se toda a vida de deus fomos carne de canóns e en todo a mundo formamos parte da contorna invisible que laboura nas sombras.
Agardamos que a Xustiza sexa libre dos seus condicionamentos patriarcais e sexista? Agardamos que os varóns que están onde están por ser homes van renunciar aos seus privilexios de xénero que lles proporciona impunidade “ per se”? Agardamos que nais, irmas, amizades deses varóns que no seu ámbito máis próximo exercen a benevolencia e a compaixón porque os arroupan, os protexen e os miman, de súpeto se plantexen que teñen unha vida de entrega e submisión de xénero que as fai escravas, servas, cómplices e insignificantes e que hai unha sociedade a construír libre de prexuízos, cargas e obrigas pola súa condición de mulleres?
Non podermos agardar que as manadas se liberen das gadoupas dos machos Alfa porque teñen asumido que as protexen ,as queren e as necesitan. Nin sequera sendo conscientes de que as necesitan lles permite xuntar a forza precisa para emanciparse e vivir por se mesmas, xa que se senten na obriga de asistir aos seus cachorros sempre que o precisen e fóra de alí esta a nada.
Vai sendo hora de que lles miremos aos ollos e con todo o amor de que sexamos capaces lles digamos: NON. Eu son libre e vou vivir a miña liberdade con vós ou sen vós.