escribo estas liñas antes de saber se Pedro Sánchez vai conseguir formar goberno, pero convencida de que non é a peor opción, vista a deriva política, xudicial e social dos últimos tempos.
O pasado día 4, cando me dirixía ao Museo do Prado, cruceime cunha manifestación de persoas que camiñaban cara ao Congreso ataviadas con bandeiras anoadas ao colo ao grito de viva España! e vivan as Forzas Armadas! Non daba crédito. Parecían os figurantes dun filme que recrease o alzamento militar do 36. Ao día seguinte, durante a segunda sesión do debate de investidura, vin como desde as bancadas da dereita se insultaba impugnemente a voceira de EH-Bildu. Como Abascal saía do hemiciclo para non escoitala e Adolfo Suárez Illana, membro da Mesa do Congreso, volteaba o cu cara á mesma. Esperpéntico! Mentres tanto, un coñecido escritor preocupábase en twitter por ter algún tonto de ministro que, aínda que for así, estaría dentro da cota probable de parvos de calquera instancia. O preocupante é o superávit destes na dereita actual, pois, como é sabido, nada hai máis perigoso que un tonto vil con poder. Véxase Donald Trump.