Ramón Otero Pedraio si foi dos bos e xenerosos. Persoa dunha elegancia espiritual sen parangón, tiña para si a compaixón, non ferir a ninguén e axudar aos demais na medida en que tal for posíbel, como calidades consubstanciais á súa personalidade. Don Ramón, xa que logo, era tan alto e grande como xeneroso. Foi preciso, porén, ter que roer tempo de infamia tras a posguerra. Ideoloxicamente conservador e católico –defendía a confesionalidade do Estado–, de pouco lle valera; non evitará a incoación dun expediente de responsabilidades políticas, ao ser separado da cátedra do instituto de Ourense. Situación ben contraria á do seu bon amigo Risco. Ultracatólico, inmensamente timorato, adheriu mesmo ao Movemento seica por un terror desmedido, alén de polo feito de que o novo réxime viña mesmo inspirado desde os máis sólidos fundamentos do catolicismo. E todos aqueles amigos de Ourense, católicos como el pero nada timoratos e demócratas que si correron a mesma sorte que Pedraio, sentíronse profundamente feridos por esta actitude, condenándoo sen contemplacións, mais tamén foron capaces de comprendelo. E Don Ramón até de compadecerse del e perdoalo.
O premio último que había de coroar a súa carreira literaria sería o “Premio Galicia” (Fundación Juan March, 1962), destinado a galardoar o escritor que máis contribuíse á exaltación literaria da súa terra. El e Risco perfilábanse como os máis cualificados. Houbo até quen quixo enfrontar os dous amigos, e determinados membros da administración do Estado quixeron tamén politizar o premio. Reunido o xurado, o Secretario Xeral Técnico do Ministerio da Gobernación, procedera a ler a ficha policial de cada un dos candidatos. A de Pedraio, negativa como sabemos; mais a de Risco, sorpresivamente, tampouco máis favorábel, debido a unha confusión coa dun parente seu. O xurado, con todo, votaría libremente e o premio sería atinxido por Pedraio. Risco manifestaría logo: “O Ramón merecíao; eu tamén”. Días despois, e nunha conferencia que Pedraio impartía, fóronse achar ambos no medio da sala. Alleos á tensa expectación que se estaba a dar, os dous acabáronse por fundir nun longo e amical abrazo.
Otero Pedraio é un dos nosos máis destacados escritores dentro da literatura contemporánea. A súa obra é copiosa entre narrativa longa e breve, ensaio (xeografía, historia e etnografía), teatro e poesía. Un pracer, pois, regresar de novo nestes días á súa narrativa. O seu estilo é inconfundíbel, dado a ampulosidade na construción sintáctica, remuíño barroco en que a abundancia de metáforas leva a que o fío argumental até temamos poder perdelo de vista. A paisaxe cobra protagonismo, así a vexetación, a orografía e demais accidentes xeográficos chega mesmo a cubrir as personaxes, sendo necesario ir reencontralas no medio dela para de novo poder seguilas.
A súa escrita, con todo, é realista, mais a fanstasía agroma con sutileza a través de contos e lendas interpostas. En definitiva, o seu narrar non é sinxelo de primeira intención, só acaba cativando logo dun tempo, mais é esa enorme expresividade e imaxinación, ese fío condutor que dá tantas voltas en que se produce até unha sorte de volatilización dos acaeceres en que a trama principal se ve cruzada doutras múltiples e colaterais.
Vimos de ler a última obra editada antes da guerra, “O mesón do ermos” (1936), e a primeira de despois, “Las palmas del convento” (1941). Repítense naquela temas coñecidos: os pazos e fidalgos en proceso de desmoronamento, e unha certa brutalización, a descrición dunhas bravas terras onde mora o lobo, abades exclaustrados, bandidos, enfrontamentos da primeira carlistada, a emigración, e o fío condutor do protagonista que sae da miseria para se enriquecer e tornar nun ser vil. Nestoutra, é a biografía de Xoán Rodríguez de Padrón. A vida de rapaz é mediatizada por unha educación eclesiástica en que gaña peso un guía na sombra, Frei Benito de Herbón, pouco estrito canto aos canons. Aprende del fábulas, sabe escoitar anécdotas doutros, é soñador, e seu pai regálalle un códice de Ovidio que estimula a súa sensualidade. Fica perdido de amores por unha muller que o despreza, mais seralle fiel cal seguidor de Macías o Namorado. Poeta e cabaleiro, entrégase á busca da súa amada por toda a Península. Viaxa por terras galas até Basilea. Testemuña do concilio rebelde ao papa, chegará a Italia e verase cativado pola vida franciscana. Despois peregrinará a Terra Santa e regresará a Galiza.
Ou sexa, quer na escrita en español agora, quer en galego, Pedraio segue fiel ao seu estilo. Se naquela había predominio da ambientación propiamente rural, aquí dará tamén para outro tipo de atmosferas, ora de carácter filosófico (e teolóxico), ora culturalista. Os homes da Xeración Nós, en conclusión, tíñanse por tardorrománticos; unha sorte de transubstanciación ilustrada dáse, ademais, en Pedraio, ao querer el reverter así os seus propósitos conceptuais á comunidade que todo debía: Galiza.