Praza de Armas... que vai ser de ti ?

o longo da historia as prazas urbanas foron lugar de encontro para os cidadáns, constituíndo a esencia da urbe. Desde a praza medieval, lugar de feiras e mercados, e a adobiada praza renacentista, chegamos á época barroca onde a praza Maior ou da Vila, acollía os acontecementos relevantes. Na Ilustración e na Revolución Industrial créanse novos espazos de lecer, aparecendo os parques públicos, dotados no século XX de palcos musicais e quioscos. 
En Ferrol a Ilustración creou as prazas de Armas e Amboage como centros bipolares do racional barrio da Madalena, complementadas con outras prazas que servían de nexo de unión entre o centro histórico da cidade e os barrios periféricos. Falamos das prazas do Callao, das Angustias e de Capitanía, lugares que hoxe perderon parte do seu encanto. 
 A antiga Porta Nova, logo praza de España, foi o lugar dos experimentos e ocorrencias de ata cinco corporacións municipais, gastando unha morea de diñeiro público e escangallando o que fora o amplo lugar de entrada á cidade. Pola súa parte a Praza Vella leva anos desleixada, as praciñas de Sánchez de Aguilera e San Roque nunca tiveron unha merecente atención, e a praza do Cruceiro de Canido quedou deturpada por unha morea de maceteiros e bolardos. 
Mentres que a praza de Amboage na actualidade é a única que aínda conserva certas esencias de outrora, aínda que atafegada polas terrazas, desta volta tocoulle a quenda das reformas á praza de Armas. Semellaba necesario deseñar unha praza máis acolledora para os cidadáns, dotada de accesos máis pertinentes. Xa que non foron quen de derrubar o fachendoso edificio do Concello, decidiuse suprimir o aparcamento subterráneo, coa oposición da maioría dos veciños e de moitas asociacións veciñais e comerciais. 
Descartada a idea de darlle á praza o nome da “activista social” Dona Concepción Arenal (así a chama o Concello na placa da súa casa natal da rúa Real), quedan moitos interrogantes no aire. No que atinxe aos árbores, cumpre lembrar que a finais do século XIX os ferroláns paseaban polo chamado Paseo das Delicias (hoxe Cantón de Molíns). Alí estaban, aínda continúan hoxe, dunha lado do paseo a chamada “boa sombra” dos perennes magnolios e doutro lado a “mala sombra” dos caducos tilos (coido que daquela non viñeran parvamente traídos desde Holanda). 
 De volta á praza de Armas, na zona das escadas de subida ao edificio do Concello, a pedra de grá colocada incorpora un taboleiro de xadrez e leva un letreiro ilexible no que semella referirse ao obelisco de Churruca que centraba no pasado a praza, mentres esta previsto colocar nalgún lugar a escultura “Toros ibéricos”de Alberto Sánchez, unha valiosa peza colocada nun xardín lateral da praza. 
Tamén se fala de colocar na praza o escudo municipal da época da Ilustración. Semella unha perigosa temeridade someter esta valiosa labra heráldica ao risco de agresión dos grafiteros ou vándalos similares. O vestíbulo do Concello sería o lugar máis axeitado. Se cadra, no seu lugar habería que devolver á praza o obelisco de Churruca no seu antigo cometido de fonte pública, para que os veciños de Ferrol poidan dispor da auga natural sen ter que pagala á pouco apreciada empresa que hoxe fornece de auga os fogares ferroláns.
Máis da metade da superficie da nova praza vai a estar cuberta dunha terra especial, descoñecendo cal será o seu comportamento coa chuvia, o vento e a propia inclinación do terreo, ademais das perigosas follas dos vinte e un tileiros. Neste intre non se considerou necesaria a presenza de sendeiros diagonais para os cidadáns que decidan entrar na praza, pola parte baixa, desde a rúa Real. O tempo será testemuña do resultado. 
jburgoa@hotmail.com

Praza de Armas... que vai ser de ti ?

Te puede interesar