Cultura Ferrolterra organiza en xuño unha feira en liña de artes en vivo

Cultura Ferrolterra organiza en xuño unha feira en liña de artes en vivo
Imaxe da segunda concentración da plataforma, en Fene, a prol da cultura local | Jorge Meis

Co obxectivo de visibilizar o traballo dos profesionais das artes en vivo da comarca, a Plataforma Cultura Ferrolterra organiza do 3 ao 6 de xuño unha feira en liña na que os participantes poderán subir ás redes sociais –as propias e as da entidade impulsora– un vídeo dun máximo de cinco minutos no que mostrar o seu traballo. En función do tipo de expresión artística a interacción terá un día concreto, é dicir, o primeiro para a poesía, o segundo para a música, o terceiro para danza e o último para o teatro. En todos os casos, a idea é que esas gravacións se fagan “en lugares que teñan un significado cultural para cada artista”, explican os promotores. 


# desenvolverase do 3 ao 6 e busca dar visibilidade aos profesionais do sector da cultura local


#EnRedeFerrolterra xorde, asegura unha das súas voceiras, Helga Méndez, como unha medida para reactivar o sector da cultura local, afectado polo peche e as restricións nos espazos públicos e tamén privados, e pola redución das programacións municipais. Méndez lembra que o colectivo, que engloba profesionais que traballan nas artes en vivo –escénicas e musicais–, se puxo en marcha en outubro pasado cunha finalidade reivindicativa. “Redactamos un documento con 17 medidas que pretendía ser unha chamada de atención aos Concellos da comarca para que apostasen pola cultura local”, petición, explica, que ía dirixida á Mancomunidade para demandar unha “acción conxunta” que, sinala a voceira, non se desenvolveu da maneira que se reclamaba. 



“Máis apoio” 


“É certo que algúns concellos toman medidas e programan máis do sector local”, explica Méndez, “pero cremos que non abonda, que non é suficiente. Ese apoio é moi irregular”. Así, considera que as súas peticións non pretenden “que nos fechemos e que sexamos endogámicos”, mais si que “se teña máis en conta aos artistas locais, e non só nas programacións”, subliña. “Precisamos apoios ao desenvolvemento do sector e investimentos, a través da facilitación de espazos de traballo, de recursos técnicos municipais e de foros de cooperación e comunicación entre a xente que traballa no sector”. 


Os participantes deberán subir ás redes un vídeo de cinco minutos máximo amosando o seu traballo


Nesa liña, desde a Plataforma Cultura Ferrolterra consideran “fundamental” a apertura do ocio nocturno, por seren espazos nos que se programa “música, danza, cabaret ou monólogos”. “Non só vivimos da programación institucional, tamén do traballo nas salas privadas e na hostalaría”, di Méndez. 

Cultura Ferrolterra organiza en xuño unha feira en liña de artes en vivo

Te puede interesar