Con algo de demora sobre as previsións iniciais, o IES Punta Candieira acolleu onte o acto de entrega dos premios da primeira edición xuvenil dos Xogos Florais de Cedeira, unha iniciativa que impulsada pola Anpa O Beco, o Concello, o propio instituto e Rampla Hotel Herbeira.
Os sete gañadores recolleron os seus agasallos, que, ademais dun cheque cuxa cantidade oscila entre os 50 e os 100 euros dependendo do posto alcanzado, consistiron nunha placa conmemorativa e mais un diploma.
Nesta primeira edición do certame foi premiada Sofía Hermida Pérez polo seu traballo titulado “Os países por iluminar”, na categoría que englobaba os cursos de 1º e 2º da ESO.
En 3º e 4º curso se Secundaria déronse tres premios. O primeiro foi para Sara Novais Meireles, por “Do que acontece”; o segundo, para Julia López Rodríguez polo seu texto “O teu despacho”, e o terceiro, para Martín Fernández Pérez pola súa canción “Volver”. Neste nivel tamén participaron Aroha Hermida Pérez, Jorge González García e Carla González García.
Por último, na modalidade de Bacharelato e ciclos formativos, os galardóns foron para Elsa López Loureiro, pola súa obra “Quéimanse as feridas”; e para Laura Timoteo López e Mathías López Córdoba, por senllos textos que non levan título. Raquel Rodríguez Pernas, o grupo Hiperbaric Challenge e Fernando Lourido Domínguez tamén se animaron a concursar.-
Os traballos –literarios e musicais– gañadores fóronse publicando ao longo dos días pasados nas redes sociais das entidades convocantes, que reiteraron os seus parabéns aos premiados e participantes “pola súa valentía, esforzo e traballo”.