O xurado da décimo segunda edición dos premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña decidiu conceder o galardón na categoría de persoas ao debuxante e director do Museo do Humor de Fene Xaquín Marín.
Do mesmo xeito que nas modalidades de entidades –que logrou a Agrupación Astronómica Ío– e iniciativas de xente nova –que foi para Twitter en galego–, os premios, dotados economicamente con 2.100 euros, déronse por unanimidade.
De Xaquín Marín os electores –Julia Rigueiro, Carlos Caetano Viscaíno, Ana Belén Costoya, Inmaculada Seage, María Muíño, que actuou como presidenta, e Dores Sánchez, como secretaria– destacaron o seu “compromiso continuado no tempo” e “o alcance social do seu traballo”, así como o mérito de “facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual”. En resumo, o xurado valorou o seu traballo na “defensa da lingua implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra, que segue viva e actual”.
A candidatura do humorista gráfico ao certame provincial foi presentada polas áreas de Museo e Normalización Lingüística do Concello de Fene, co apoio do departamento de Cultura e do executivo municipal, que onte felicitou ao artista por este novo recoñecemento.