Estamos ante un claro incumprimento da Lei de Memoria Histórica, vixente desde 2007, e doutros acordos institucionais. Así, o Parlamento de Galicia (Xunta do PP) aprobaba o 18 de xullo de 2016, por unanimidade, unha declaración institucional de “condena do golpe de Estado de 1936, o réxime ditatorial e os crimes e represións exercidas sobre as persoas vencidas”. Falaba tamén de “eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos”. Evidentemente, o aviador Franco é unha “referencia franquista”. E o pleno da Deputación da Coruña de 26 de outubro de 2018, presidencia do PSOE e sen ningún voto en contra, aprobaba “instar aos concellos da provincia a eliminar os restos de simboloxía franquista (escudos, insignias, placas, nomenclátor das rúas, inscricións) distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e honores a golpistas, franquistas e demais formas de exaltación e enaltecemento individual ou colectivo da sublevación militar de 1936 e do franquismo, dos seus dirixentes ou das organizacións que sustentaron o réxime ditatorial”.
No caso da “Calle del General Mola”, xeneral golpista, é unha placa vella porque xa se cambiou o seu nome por “Rúa Cirilo Pérez”. Este médico ten tamén en Redes a “Praciña de Don Cirilo”. Como recollo no meu libro “Os restos do franquismo en Galiza” (Edicións Laiovento), existen en Ares outros símbolos franquistas co xugo e as frechas en “Calle del Carmen” e “Calle de San José”; son placas vellas, que están sen retirar porque xa están colocadas as placas actualizadas: “Rúa San Xosé” e “Rúa do Carme”. Existen tamén placas co emblema do Instituto Nacional da Vivenda franquista en varias casas, que debería retirar o concello.
Esta é unha práctica habitual en numerosos concellos; Vitoria retirou 62 destas placas, Barcelona máis de 1.000 e Paterna (Valencia), con alcaldía do PSOE, retiraba 343 no ano 2014. Outra referencia franquista está na fachada do bar onde estaba a Confraría de Pescadores de Ares. A placa fai referencia ao procurador das Cortes franquistas que participou na inauguración: “El procurador en Cortes D. J. Baldomero Fernández Calviño inauguró este edificio el 14 de agosto de 1976”.
Aviadores como Ramón Franco, Julio Ruiz de Alda e Joaquín García Morato, recoñecidos polo franquismo como heroes, están a perder as rúas e distincións en gobernos con alcaldías do PSOE e PP, en aplicación da Lei de Memoria Histórica. O comandante Ramón Franco e o capitán Ruíz de Alda (fusilado no cárcere Modelo de Madrid o 23 de agosto de 1936), acadaron popularidade pola súa participación no hidroavión “Plus Ultra”, que cruzou o Atlántico no ano 1926.
O aviador Franco (comandante Ramón Franco, irmán do ditador Francisco Franco) era, nun principio, republicano e nas eleccións a Cortes constituíntes do 28 de xuño de 1931, após proclamarse a II República, conseguiu escano por Sevilla na candidatura republicana federal revolucionaria andaluza e por Barcelona na candidatura de ERC, quedándose con este último. Cando se produce o golpe de Estado do seu irmán, o 18 de xullo de 1936, estaba no estranxeiro. Ao seu regreso intégrase na aviación franquista, ascende a tenente coronel e é destinado á base de hidroavións de Pollença (Mallorca), participando en bombardeos sobre a poboación civil de Barcelona e outras localidades. Morreu en accidente no Mediterráneo en outubro de 1938.
A corporación de Ferrol, sendo alcalde o socialista Xaime Quintanilla Ulla (fillo do alcalde Xaime Quintanilla Martínez, asasinado polo fascismo en 1936), aprobaba o 2 de marzo de 1981 cambiar o nome de 61 rúas, entre elas a de Ramón Franco, inaugurada en 1930, que pasaba a chamarse San Diego. García Morato perdía tamén a rúa, que se chama hoxe Eduardo Blanco Amor.
En Barcelona, a rúa Aviador Franco pasa a chamarse Pablo Rada, mecánico no avión Plus Ultra, que se mantivo fiel á República. En Torrent (Valencia), alcaldía do PSOE, cambiaban en 2017 a rúa Aviador Franco por Salvador Fernández, alcalde republicano entre 1936 e 1937, fusilado polo franquismo. En Alacante, con alcaldía do PP, eliminaban a rúa Comandante Franco (referíase a Ramón Franco) por acordo do pleno do 3 de xullo de 2018.
Lugo, con alcaldía do PSOE, cambiaba en maio de 2015 a rúa Ruiz de Alda, fundador da Falanxe, por Luis Cordeiro. Burgos, con acordo de PSOE e PP, cambiaba en marzo de 2018 a rúa Julio Ruiz de Alda por Recodo. La Carolina (Xaén), alcaldía do PSOE con maioría absoluta, acordaba por unanimidade cambiar a rúa Julio Ruiz de Alda por Gracia Rodríguez, fiscala contra a violencia de xénero.
En Valladolid, o alcalde Javier León de la Riva (PP) negábase a retirar a simboloxía franquista, pero despois dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Castela-León tivo que cambiar en xuño de 2014 os nomes de 12 rúas e unha ponte pola súa vinculación coa Guerra Civil e a implantación do franquismo. A rúa Julio Ruiz de Alda é hoxe Mariano José de Larra; García Morato é o Paseo do Hospital Militar e a Ponte García Morato é hoxe Adolfo Suárez.
En Málaga, con alcaldía do PP, a Comisión de Memoria Histórica do 11 de febreiro de 2020 aprobaba por unanimidade unha proposta do PSOE para exhumar da igrexa do Carme os restos do aviador e comandante Joaquín García Morato (a corporación xa acordara en 2018 solicitar ao bispado de Málaga a retirada destes restos), falecido o 4 de abril de 1939 nunha demostración acrobática.
A existencia de rúas e simboloxía relacionadas co franquismo, despois de 44 anos de democracia, é unha vergoña e moito máis se goberna a esquerda, como en Ares. A súa eliminación é unha cuestión de vontade política e de cumprimento da vixente Lei de Memoria Histórica.
*Manuel Monge é sociólogo e membro do colectivo de presas políticas de Galiza na ditadura.