soberanía, é a calidade de non dependente, de quen ten a autoridade suprema. E dicir, do que manda e controla algo, simbolizado na expresión popular que fala desa persoa que “corta o bacallau”. Metáfora que permite facer pedagoxía para sinalar quen é o que ten verdadeiro poder condicionante, quen é o que manda ou toma as decisións nun lugar determinado. Ten a súa orixe nos tempos nos que este produto do mar, salgado e axeitadamente desecado, foi un dos alimentos máis empregados, comúns, fáciles de adquirir e, sobre todo, transportar a outras partes do mundo; grazas aos longos períodos que duraba sen botarse a perder. Unha frase levada do plano social do uso cotiá á definición política na que o concepto soberanía indica o carácter dunha nación ou organismo que non está sometido a outro. Alén do seu uso moitas veces invadindo o do seu sinónimo independencia, é consideración estratéxica que cobra cada día que pasa máis importancia nos proxectos de futuro de territorios ben diferentes. Velaquí dous, saídos do forno.
No parlamento vasco, o seu lehendakari vén de propoñer un acordo que permita que Euskadi recupere a soberanía anterior a 1839, de xeito que o actual modelo de Concerto Económico que lle permite recadar todos os impostos e logo aboar a Cota ao Estado polos servizos que presta, sirva de base para un Concerto Político que retome aquela “soberanía foral” que permitía ao territorio vasco acatar pero non cumprir aquelas disposicións estatais que non compartía.
Na cámara representativa da cidadanía europea, a presidenta da Comisión nun acto que pasa por ser o debate anual do estado da Unión, malia tentar debuxar un panorama que, como relato calculado, combinou doses equivalentes de drama e de épica; especialmente para facer ver que a crise da pandemia do Covid-19 foi tremenda, o mundo é un lugar cada vez máis complicado, os desafíos enormes, pero a UE estivo, está e estará á altura máxima de eficiencia na xestión política, contado así na súa oratoria: Fixemos o correcto porque o fixemos á maneira europea. Unha liña argumental que debe traducirse coa retranca de quen considera que non foi precisamente o mellor modelo de xestión posíbel, visto o feito coas vacinas e outras lerias afíns.
Con todo, na orientación ao desenvolvemento tecnolóxico, a dixitalización da economía que có medio ambiente forman no núcleo duro da liña de achegas económicas para saír da crise, tivo que recoñecer a evidencia da dependencia exterior dun ben fundamental, os “microchips”. Si, eses elementos tecnolóxicos minúsculos que teñen impedido que a automoción galega, liderada polo grupo Stellantis, funcione normalmente e mesmo teña que encadear paros na produción. Por iso, é hora de poñer en valor a capacidade soberana, sexa europea ou galega. Non depender de fóra.