Los Satélites, Fania Blanco Show, Tania Veiras, Principal, La Favorita, Los Españoles e Finisterre compartiron onte un escenario en Río do Pozo pensado para inxectar enerxía ao sector das verbenas logo dun verán moi frouxo e con estritas medidas que cambiaron a forma de vivir as festas.
O de Narón foi un dos sete festivais de orquestras de verbena deseñados pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), a Asociación Galega de Orquestras e a Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega coa intención de contribuír á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego. Onte mesmo tamén se facía unha sesión na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e hoxe está previsto que se leve adiante unha experiencia similar na Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense.Quedaría pendente a de Lugo. En total, actuarán 50 orquestras.
As entradas distribuíronse a través dunha páxina web e esgotáronse en horas. En principio estaba pensado para un público de centos de personas, que podían asistir ao espectáculo de pé e divididas en sectores para garantir distancias e demais medidas contra o covid. Colocáronse dous escenarios para que non houbese pausa entre unha actuación e outra nunha explanada fronte ao Lidl, onde hai pouco se celebrou a feira do coche usado.
Cada orquestra ten fixada unha actuación duns 45 minutos, prolongando a experiencia, no caso naronés, entre as seis da tarde e a medianoite. Xa desde unha hora antes estaban abertas as portas para poder acceder ao recinto, aínda que a xente non se deu ningunha présa e nas primeiras horas non se cubriu o espazo.