Cren firmemente na arte con compromiso social. É o seu xeito de achegar o seu gran de area para contribuír a un mundo mellor e para axudar a visibilizar situacións como as das mulleres sirias refuxiadas no Pireo, en Grecia, eixo central da súa nova creación.
As actrices ferrolás Helga Méndez e Eugenia Sanmartín estrearán o vindeiro día 24 no Jofre (20.30 horas) –no marco do programa do Concello co gallo do 25N– a peza “Atrapadas”, unha obra de teatro social baseada en testemuñas reais recollidas do documento “Atradapas en Europa. ¿Dónde está la dignidad” (2016) da organización internacional Women’s Link Worldwide. O informe espertou xa naquel momento o interese de Méndez (Maquinaria Teatro), que se puxo a traballar sobre o mesmo para crear, hai xa uns anos, unha peza de microteatro para colaborar con Acampa (organización pola paz e o dereito ao refuxio).
Helga Méndez: “Con esta pezar queremos visibilizar a situación destas mulleres e das persoas refuxiadas en xeral”
O pasado ano, dunha conversa coa concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol sobre a organización de actividades para o 8M, xurdiu a posibilidade de retomar o texto para crear, desta volta, unha peza máis longa. A irrupción da pandemia obrigou a aprazar a estrea, que por fin terá lugar a vindeira semana. “Temos xa moitas ganas”, comentaba onte Méndez. Ademais de protagonizar a obra –cada unha interpreta a tres mulleres sirias–, ela e Eugenia Sanmartín encargáronse da dramturxia, dirección e producción da peza, contando con Cristina Mariño na parte técnica.
“Ademais, a través de Acampa coñecimos a unha muller siria afincada en Galicia, Fadile Tibisay, que nos axudou tamén a documentarnos un pouco sobre o día a día, a cultura, as costumes e as tradicións do pobo sirio”, salienta.
A peza, dunha hora aproximadamente de duración, fala principalmente “da saída destas mulleres do seu país a causa da guerra, todo este periplo que teñen que pasar desde que saen de Siria ata que chegan aos campos de refuxiados, cando chegan...”, comenta Helga. Ademais da violencia da guerra, “que é brutal para toda a poboación”, aborda “a dobre violencia exercida sobre as mulleres, porque a maiores da da guerra, existe a violencia de xénero, porque hai violacións”, engade a actriz ferrolá.
As entradas, gratuítas, para asistir o día 14 á estrea da obra poden retirarse desde hoxe na billeteira do Jofre
A situación de desamparo, as malas condicións de alimentación e hixiene, a pobreza ou o feito de non poder traballar para alimentar aos fillos e fillas son outras das realidades que pasean por un texto ao que as creadoras ferrolás engadiron tamén unha referencia á crise da pandemia, que empeorou moito a situación reflectida nese documento de 2016. “Nós o que queremos é visibilizar esa situación, xa non só das mulleres, senón de calquera persoa refuxiada; é tamén un alegato pola paz e pola ruptura de fronteiras”, comenta a responsable de Maquinarias Teatro. Xunto a Helga, Eugenia e Cristina, “hai moitas persoas máis que colaboraron de moitos xeitos nesta peza, tanto a nivel material como emocional ou moral”, salienta.
A partir da estrea, as impulsoras deste proxecto desexan poder levar esta función a novos escenarios. “Son temas que cremos que teñen que estar presentes e as tres que formamos o equipo temos claro que a arte ten que ter compromiso”.
As entradas para a representación do vindeiro día 24 no Teatro Jofre, totalmente de balde, poderán ser retiradas desde hoxe mesmo.