Preto de medio cento de persoas, en boa parte rapazada e usuarios de Aspaneps (Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais), así como público en xeral, participaron onte nunha nova acción medioambiental do proxecto Ártabro Inclusivo, impulsado polos concellos de Ferrol, Narón e Fene ao abeiro do GALP Golfo Ártabro Norte e financiado pola Unión Europea e a Xunta de Galicia. Durante a mañá, retiraron plásticos e madeiras da area da praia de Caranza e das zonas do espigón e as pasarelas, onde se acumula o refugallo. Co que limparon encheron un colector de 650 litros, que quedou instalado neste espazo para que todas as persoas que atopen plástico na praia o depositen alí.
Entre os elementos chamativos que atopou esta brigada de limpeza inclúese un colchón, para cuxa retirada tivo que solicitarse a axuda do servizo de voluminosos do Concello de Ferrol. Atopábase na zona máis próximas ás Pías, que era tamén onde máis lixo se acumulaba. No areal atopáronse moitas cabichas e bastóns dos oídos, así como latas e botellas.
A acción incluía o asesoramento do biólogo mariño Joám Luís Ferreiro, quen explicou aos asistentes a configuración da ría, identificou varias cunchas que lle ensinaban os nenos e nenas e tamén lles aprendeu a realizar un cribado da area para que puideran ver as micropartículas de lixo que se mesturan con ela e as especies de algas e animais que viven na zona.