25 Aniversario | O diario do centro do mundo

"Xa saben que non temos medo en construír ese outro relato que fala de traballo, dignidade, esforzo, causa común, presente e futuro"
25 Aniversario | O diario do centro do mundo

Vinte e cinco anos compartindo un mesmo camiño. Xuntos o Diario de Ferrol e as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Expresando un xeito de vivir e unha concepción do mundo. Rompendo silencios que pretendían frear o desenvolvemento da nosa sociedade. A terra da Ilustración, das e dos traballadores de marzo, a terra de todos os acentos e de todas as cores. Este territorio feito de aceiro líquido, auga e barcos.

 

O Diario de Ferrol suma varios ingredientes que o fan diferente: darlle voz á opinión pública das nosas comarcas e o dereito a vivir dignamente na nosa terra. Opinión pública e dereito á cidade. Rompe censuras e o discurso hexemónico de aqueles que din que estamos na fin da historia e que, polo tanto, tanto ten e pretenden impoñer a apatía. 


Pero, fronte a isto: alegría! Si, alegría porque participamos nesta festa popular que é o aniversario do noso xornal local. Acusárannos de ter pensamentos perigosos. Xa saben que non temos medo en construír ese outro relato que fala de traballo, dignidade, esforzo, causa común, presente e futuro. A alegría crea comunidade. Unidade e avance.


Por iso ter voz propia é perigoso. Este xornal local serve para conformar un sentir xeral contra a tiranía do conformismo e da ignorancia. Un periódico como o Diario de Ferrol é unha aposta contra a uniformidade que impón a globalización, que en nada respecta as identidades propias e alleas.


Somos palabras, somos xornal, soños, metas por alcanzar. O Diario de Ferrol leva vinte e cinco anos sendo o alter ego das nosas comarcas. O orballo que empapa un poder civil que deixa ben claro que existimos e temos obxectivos como sociedade. Fronte á intemperie, no amor e no desamor. O Diario é a proa do noso sentir colectivo. Desta terra e deste tempo. Os tempos son chegados. Diario de Ferrol, vinte e cinco anos de militancia por esta terra infinita, no centro do mundo. Parabéns! 

 

Manuel Cendán é escritor
 

25 Aniversario | O diario do centro do mundo
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar