Nestas mesmas páxinas do Diario de Ferrol, escribía un artigo, o 2 de xuño do 2000, que levaba por título “Un feliz aniversario”, para conmemorar o primeiro ano da súa presenza na cidade. Entre outros comentarios, dicía: “Afeitos como estabamos a levar quince anos coa nosa cidade orfa de medios de expresión, desde a prematura desaparición de El Litoral Gallego en 1984, con apenas dous meses de existencia, case resulta comprensiva a típica actitude de moitos agoreiros e excépticos ferroláns, que co seu tradicional optimismo sentenciaban a morte do Diario de Ferrol, sen sequera follealo”.
Vinte cinco anos de existencia veñen demostrar que o Diario de Ferrol era un medio de comunicación local moi necesario, apoiado por diferentes institucións, subscritores e lectores de toda Ferrolterra. Eu tiven a fortuna de acompañalo dende o momento mesmo do seu feliz alumbramento, aló polo afastado día do 2 de xuño de 1999, e de velo consolidarse durante a súa dilatada traxectoria, grazas á invitación que me cursara Man Castro, o seu primeiro director e auténtico dinamizador desta cabeceira.
Ao longo destes anos levo escritas numerosas colaboracións e gardo un cariño especial por dúas series que publiquei no prestixioso suplemento semanal de Nordesía. A primeira delas tiña por título “Ferrol no Patrimonio Mundial”. Eran dez artigos que viran a luz entre os meses de marzo e setembro de 2001. Posteriormente, foi presentada en formato libro nun acto institucional celebrado no salón de sesións do Concello, o 17 de febreiro de 2002, baixo a presidencia do alcalde, Xaime Bello, e editado pola propia Corporación. Na mesa estivera compañado por Man Castro, autor do Prólogo, de Bonifacio Borreiro, concelleiro de Cultura, e de Julio Argüelles, presidente da Real Academia de Belas Artes, impulsora da candidatura de Ferrol ao Patrimonio Mundial da Unesco.
A segunda, foi outra sección moito máis prolongada no tempo que alumeou de novo Nordesía baixo o título de “Ferrol. Memoria da vida cotiá”. Foi publicada semanalmente ao longo de tres anos e cinco meses, dende marzo do 2004 ata o seu remate en agosto de 2007, e por ela desfilaron máis dun cento de persoas entrevistadas, algunhas xa desaparecidas, que tiveron a xenerosidade de darme a coñecer a dureza da súa traxectoria vital. A serie tivo unha enorme acollida, especialmente entre os protagonistas, esas xentes do común, marxinadas da gran Historia, que cada semana recibían gozosas o seu relatorio, impreso en papel, despois de tanto tempo silenciadas.
Esa densa colección de artigos foi tamén levada a formato libro, publicado por Ediciones de La Librería del Campus, no 2008. Ía acompañado por unhas letras de Presentación de Man Castro, que dende o primeiro intre acollera a miña proposta con entusiasmo; polo Limiar de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Compostela, que entre as súas palabras de recoñecemento deixou escrito: “Ao longo destas páxinas, o autor pon voz aos que non a teñen e rescata oficios, asuntos e problemas que moi ben poderían ter desaparecido na soberbia do presente”; e por un xeneroso comentario dos redactores de Nordesía, Xosé Fandiño e Nicolás Vidal, que concordaban en que nesas páxinas foran “dando protagonismo a persoas que nunca pensaron que a súa vida tivese o menor interese, e vaia se o tiña”.
Hoxe en día, cando temos o Diario de Ferrol entre as nosas mans, podemos sentirnos fachendosos de ter un medio de referencia local xa consolidado, voceiro imprescindible do latexar da nosa cidade e da nosa bisbarra, e que xa ocupa un lugar sobranceiro na longa historia do xornalismo ferrolán, que comezara a súa andaina en 1845. Ogallá que dentro de outros vinte cinco volvamos celebralo.
Guillermo Llorca Freire é historiador e escritor