Teresa Molina, de Gandería Roidiz | “É unha pena que o noso leite acabe nas grandes superficies”

Teresa Molina, de Gandería Roidiz | “É unha pena que o noso leite acabe nas grandes superficies”
Jorge Filgueira y Teresa Molina converteron a súa granxa tradicional nunha rexenerativa | Cedida

Jorge Filgueira y Teresa Molina sacan adiante Gandería Roidiz (Ribadeume, As Pontes). Centrados inicialmente na produción de leite pero coa mirada posta na elaboración doutros produtos derivados –a través da súa marca Amoreleite–, apostan pola tradición, a conservación do entorno e a convivencia co ecosistema nun modo respectuoso e sostible.  

 

Para quen non vos coñeza aínda, a que vos dedicades? 
Somos principalmente unha granxa de leite de vaca ecolóxico, aínda que tamén temos vacas de carne. Empezamos hai sete anos a introducir técnicas de agricultura rexenerativa. Facemos un pastoreo rotacional e o único cultivo que temos é a herba. Non plantamos nin millo, nin cereal ni labramos a terra.

 

Como xurdiu a idea de empregar estas técnicas rexenerativas? 
Pensamos en darlle unha volta ao sistema tradicional. Tiñamos unha base de terreo que podía ser interesante e nos informamos para comezar a producir en ecolóxico. Contactamos con Xan Pouliquen, unha das persoas que fixeron o curso na Fundación Juana de Vega e nos asesorou para iniciarnos no pastoreo. A partir de aí xa foi estar en continua formación para intentar seguir mellorando a nosa forma de traballar.

 

Precisamente, deses contactos coa fundación nace a vosa marca Amoreleite, non si? 
Despois de levar un tempo co sistema rexenerativo e vendo os resultados que nos estaba a dar,  pensamos que era unha pena que despois de tanto esforzo, deste traballo que para nós é fermoso, o leite acabase indo para unha grande industria e rematase nun lineal dunha grande superficie. Decidimos entón facer algo propio, noso, para poder vender de forma local e máis acorde ao que é a nosa forma de pensar e de relacionarnos co entorno. Atopamos entón o programa de apoio ao emprendemento da Fundación e presentamos a candidatura.

 

Xa se pode mercar Amoreleite? 
Aínda non... A verdade é que levamos xa dous anos pelexando para sacar adiante a marca. Ao fin e ao cabo, somos os dous sós traballando e imos pouco a pouco co proxecto. Agardo que vexa pronto a luz, a curto prazo, pero non me aventuro a dicir aínda unha definitiva data de apertura.

 

Van comercializar so leite baixo esta marca? 
A nosa idea é comezar con leite e despois facer outro tipo de derivados: iogur, nata, manteiga... e máis adiante queixo fresco.

 

Cal é a maior dificultade coa que se atoparon á hora de impulsar esta nova marca?
A principal dificultade é atreverse. Ideas... penso que todo o mundo as ten. O caso é levalas a cabo e o bo que teñen estos programas é que te axudan a ir cos pés na terra, sabendo a que te vas enfrontar e facendo un plan de empresa. Loxicamente non che dan unha fórmula máxica, pero si que te asesoran para ir máis sobre seguro.

 

O sector leva meses facendo fronte á extensión dos casos de Enfermidade hemorráxica Epizoótica (EHE) en vacas, non sei como lles afectou no seu caso...
Afectounos moitísimo. Foi un dos maiores paus que levamos nos últimos anos. Tivemos bastantes baixas, vacas tocadas durante unha longa tempada... E aínda non sabemos, realmente, os efectos a longo prazo.

 

O sector calificou de insuficiente o apoio das administracións neste sentido, non sei se vostede tamén ten esa sensación. 

Non se estaba preparado para isto. Os veterinarios da extensión agraria teñen o seu horario de oficina que é totalmente insuficiente para atender un caso de emerxencia coma este. Nos sentimos abandonados. 

Teresa Molina, de Gandería Roidiz | “É unha pena que o noso leite acabe nas grandes superficies”

Te puede interesar