A última campaña de escavación e consolidación de restos por parte do equipo de Axa Arqueoloxía no castro Sarridal, en Cedeira, sacou á luz restos da primeira etapa de ocupación. Segundo explicou o arqueólogo Emilio Ramil, director do proxecto, os traballos avanzaron pola zona situada entre a sauna castrexa e o cantil, na que xa apareceran anteriormente estruturas da primeira etapa de ocupación, correspondentes ao século III a.C.
Desta volta, apuntan desde o Consistorio cedeirés, descubríronse os muros dunha vivenda grande, cun forno adosado sobresaíndo polo perímetro exterior, que fan pensar nalgún uso comunitario como unha alfarería ou panadaría.
Así pois, a campaña rematou co levantamento de tres muros da suposta vivenda, pero falta por levantar o que estaría máis preto do cantil, polo que Ramil apunta que é prematuro interpretar ditos restos. Os traballos incluíron tamén a consolidación destas estruturas.
O Concello investiu na financiación desta última campaña 17.847,50 euros. O executivo local salienta que o equipo de expertos traballou “con choiva nas primeiras semanas pero tivo bo tempo para acometer ao final as labores de consolidación dos restos, esenciais para poder retomar a escavación nunha próxima campaña coas descubertas anteriores en bo estado”.
Os traballos corroboran a importancia do xacemento con “elementos que é difícil atopar e que ofrecen unha secuencia completa da historia dos castros de Galicia”.