O Concello de Moeche celebra hoxe o Día Mundial da Infancia coa celebración dun pleno infantil no que participarán profesores e alumnado do CEIP San Ramón, así como os grupos políticos que están representados.
Será a partir das 12.30 horas, nunha acción na que os nenos e nenas presentarán o traballo sobre os seus dereitos que levan a cabo no centro escolar, así como no Grupo de Participación Infantil e Adolescente. Esta iniciativa plásmase ademais nun mural colaborativo.
Moeche conta cun Consello Local da Infancia e a Adolescencia, que precisamente esta mesma fin de semana participaba no Carballiño nun foro galego para preparar o terceiro manifesto contra a violencia que se levará ao parlamento galego o vindeiro día 28. Os locais estiveron representados por Emily Méndez, Zeltia Pedreira, Antón Canosa e Ainoa Bustabad. O Consello participou tamén no encontro estatal hai unha semana, celebrado en Segovia.
Por diante teñen aínda outra cita no que queda de ano, xa que o 13 de decembro celebrarase na Escola Galega de Administración Pública a V Xornada Formativa Cidades Amigas da Infancia en Galicia. Trátase dun espazo dirixido a profesionais dos gobernos locais relacionados co ámbito da infancia, o que inclúe a responsables de Servizos Sociais, de Educación e doutras áreas en contacto coa rapazada, a adolescencia e as súas familias.
Tratarase sobre os recursos dos gobernos locais na xestión das políticas enfocadas a nenas e nenos, así como a implementación da lei de protección fronte á violencia na infancia e na adolescencia.