O BNG da comarca demanda con carácter de urxencia un transporte público de calidade

Os nacionalistas demandan que se revisen “a curto prazo” o presente contrato e os convenios cos Concellos no transporte metropolitano
O BNG da comarca demanda con carácter de urxencia un transporte público de calidade
Os nacionalistas, hoxe, diante da delegación da Xunta en Ferrol | J. G.

Representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) nos municipios da comarca fixeron entrega este luns dun escrito na delegación territorial da Xunta en Ferrol, no que se recollen diversas reivindicacións sobre a situación do transporte na zona. 

 

O texto, asinado por Secundino García –en representación do Consello local da formación e dos membros dos grupos municipais de Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño– pon de relevancia a importancia e o carácter inclusivo do transporte público, “como elemento á hora de vertebrar o funcionamento do país”.


Os nacionalistas sinalan os “milleiros de queixas” de persoas usuarias, colectivos e traballadores ao fío da instauración do último plan de transporte aprobado pola Xunta, unha situación que deriva, inciden, “dos evidentes incumprimentos por parte da adxudicataria Monbus”, xunto á “complicidade” do executivo galego. 

 

Así pois, exixen ao goberno autonómico unha urxente solución aos problemas de eliminación de horarios, itinerarios e paradas que se veñen rexistrando. “Cómpre lembrar que, para o desenvolvemento do transporte metropolitano na nosa comarca, asinouse un convenio hai máis de dous anos –que deriva nunha importante aportación económica por parte dos Concellos– no que se expresa coma un dos obxectivos fundamentais “proceder á execución dunha serie de actuacións conxuntas que permitan un maior desenvolvemento” do servizo, un acordo que “está a incumprirse por parte da Xunta”.


O BNG demanda que se revisen “a curto prazo” o presente contrato e os convenios cos Concellos no transporte metropolitano. 

O BNG da comarca demanda con carácter de urxencia un transporte público de calidade

Te puede interesar