Campaña comarcal do BNG por un transporte público de calidade en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Campaña comarcal do BNG por un transporte público de calidade en Ferrolterra, Eume e Ortegal
Portavoces municipais da formación durante a rolda de prensa que tivo lugar, hoxe, no local do partido en Ferrol | V. V.

O transporte público de viaxeiros por estrada nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal esmorece. Perante dita situación, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) poñerá en marcha unha campaña –a través da presentación de mocións nos Concellos e tamén de iniciativas na Cámara galega– co obxectivo de reclamarlle á Xunta unha solución urxente ao actual sistema, que califican de “deficitario”.

 

“É preciso poñer enriba da mesa unha problemática que non é nova, que vén de vello”, apuntou o rexedor de San Sadurniño, Secundino García, que acusou ao executivo galego de mentir á cidadanía. “Mediaticamente estase a vender, día si e día tamén, por parte da Xunta, a gratuidade do transporte para os menores de 21 anos, cando unha grande parte dos mozos e mozas deste país non teñen esa gratuidade porque precisamente non teñen ese transporte”, apuntou.

 

O alcalde sadurniñense incidiu en que os problemas de mobilidade afectan á vida cotiá das persoas, fundamentalmente aquelas que cursan estudos postobligatorios, mais tamén a traballadores, xa que “os institutos, os centros de FP ou os servizos se atopan nas cabeceiras de comarca”. Todo isto orixina, lamenta García, “unha desvertebración da comarca, que nun amplo espazo xeográfico está a perder poboación precisamente por cuestións como esta”.

 

Desde o BNG sosteñen que a Xunta “mira para outro lado”, acordando “convenios bilaterais cos Concellos”, cargándoos cunha competencia que non é súa e facéndolles “chantaxes”. Remarcan, ademais, que o transporte é un “dereito fundamental e básico”, tal e como lembrou o portavoz en Ferrol, Iván Rivas

 

“A responsabilidade é única da Xunta de Galiza, tanto no que ten que ver co transporte discrecional, co escolar ou co metropolitano”, apuntou Rivas, esixindo á Dirección Xeral de Mobilidade a volta “de inmediato” ao modelo no que os servizos escolar e discrecional son diferentes. 

 

“Estamos a ver as consecuencias desa fusión do PP, censurada por certo pola UE. O transporte está cada vez máis precarizado (...)”. Reclaman, pois, un reforzo das liñas e critican as declaracións nas que a Xunta afirmou que os picos de demanda se solucionarían con listas de espera.

Campaña comarcal do BNG por un transporte público de calidade en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Te puede interesar