O Bloque Nacionalista Galego de Narón fixo pública onte a listaxe definitiva de persoas que integran a candidatura para as vindeiras eleccións do 28 de maio. “Son persoas co corazón en Narón e capacidade, formación e compromiso para xestionar os retos do noso concello, cun proxecto claro e transformador. Con ilusión e traballo poremos os servizos sociais, a igualdade, a cultura, o emprego, o deporte, o ecoloxismo, integrar rural e urbano e o espazo público como bens de primeira necesidade”, apuntou a candidata á Alcaldía, Olaia Ledo.
A formación explica que a lista conta con persoas de todas as parroquias e barrios. “É unha candidatura preparada para liderar un goberno BNG, un goberno que saque a Narón do impasse actual, que non se conforma e que ten medidas para poñer en marcha desde o primeiro día na corporación”.
Así pois, tras Ledo, completan a listaxe ata o número dez Geno Carballeira (técnico no sector das alarmas, de Doso), Beatriz Mosquera (traballadora do eido cultural, de Sedes), Manuel Teijeiro (carpinteiro, de O Val), Carlos González (técnico superior en Administración e Finanzas, de Freixeiro), Dolores Prieto (directora da Galiña Azul de Xuvia, das Casas da Mariña), Nicolás Manso (tubeiro en Navantia Ferrol, de San Mateo), Lidia Romero (orientadora laboral e pedagoda, de Pedroso), Manuel Hermida (traballador do sector naval, de Piñeiros) e Marta Grandal (traballadora no Concello de Narón, de A Solaina).
“O municipio precisa un cambio capaz de aproveitar o noso potencial, o octavo concello do país en poboación e cunha media de idade nova precisa dun proxecto apaixonante para todos os barrios e parroquias e que poña no centro ás persoas que viven e traballan en Narón”, apuntou Olaia Ledo.