Activistas da Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina despregaron hai uns días desde o alto do torreón de Pontedeume unha bandeira do territorio para chamar, de maneira simbólica, á participación da cidadanía na manifestación que terá lugar este domingo, en Compostela.
“Condenamos a Israel polas súas prácticas de violencia extrema que deixan moitas máis das 40.000 vítimas mortais que están confirmadas. Falamos de milleiros de desaparecidas e de milleiros de feridas e enfermas que non teñen posibilidade de atención médica”, apuntan nun comunicado.
Así pois, a coordenadora pon a disposición das persoas interesadas en tomar parte neste acto reivindicativo un bus –cun custo de cinco euros– que partirá desde a Avenida de Esteiro de Ferrol e realizará paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. É necesario reservar previamente por medio do teléfono 981 169 293 ou a través de WhatsApp no número 607 375 631.
“É un momento no que todas as institucións deberían actuar con contundencia e romper os acordos académicos, comerciais, económicos e relacións diplomáticas con Israel. Estas son as únicas medidas efectivas para parar o xenocidio do pobo palestino”, apuntan desde o colectivo.