A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, xunto a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, veñen de presentar xunto con Estela Brañas e Begoña Ramos, vicepresidenta e secretaria, respectivamente, da Asociación Áurega, a conferencia “A voz do silencio”, sobre acoso escolar, prevención, detección e intervención. A convocatoria, tal e como indicou Ferreiro, terá lugar o vindeiro 29 de outubro de 17.00 a 19.00 horas no Auditorio municipal de Narón e require inscrición previa.
A presidenta da Asociación No al Acoso Escolar (NACE), Carmen Cabestany será a encargada de falar aos asistentes sobre esta temática, tal e como indicaron dende Áurega. Así mesmo, destacaron a colaboración do Concello e da citada entidade para poder levar a cabo en Narón esta conferencia, á que animaron a acudir á cidadanía.
Ferreiro subliñou a importancia “de continuar traballando conxuntamente coas entidades e coa sociedade en xeral, tal e como dende hai anos vimos facendo dende o Concello, para ofrecer información e ferramentas encamiñadas a erradicar o acoso escolar, unha conduta que lamentablemente está aí a día de hoxe e que non se pode tolerar”, dixo.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo, de balde, a través do enlace: https://bit.ly/3Cm6xx7.
Noutro orde de asuntos, o Concello abrirá mañá día 17, ás 08.30 horas, o prazo de inscrición nun curso de Operador de ponte guindastre, cun total de doce prazas. A edil de Formación, Natalia Hermida, anunciou que esta acción formativa se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón. O período para inscribirse permanecerá aberto ata o 24 de outubro ás 13.30 horas.
Hermida explicou que a acción terá unha duración total de 55 horas e que as datas previstas do mesmo son do 2 ao 17 de novembro. As clases desenvolveranse no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 2 ao 7 e do 14 ao 17 de novembro e no polígono de Río do Pozo, do 8 ao 11 dese mesmo mes para facer a parte das prácticas (20 horas). O horario previsto do curso é de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres. As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou en Sede Electrónica.