Iniciadas as obras de mellora dos vestiarios do campo de fútbol “Prados Vellos” de Ares

Iniciadas as obras de mellora dos vestiarios do campo de fútbol “Prados Vellos” de Ares
Un instante da visita das responsables municipais I Cedida

O Concello de Ares principou no día de onte o proxecto de mellora dos vestiarios do campo de fútbol “Prados Vellos”, cuxo obxectivo é aumentar a súa eficiencia enerxética –tanto na súa estrutura como nas súas instalacións–.


As responsables das Concellarías de Urbanismo e Deportes, Olimpia Marcos e Alma Barrón, respectivamente, desprazáronse onte xunto á presidenta do Club de Fútbol Numancia, Elena Fuentes, para presenciar o inicio dos traballos, que supoñen unha inversión de 195.000 euros –que se financiarán cunha axuda do Fondo de Cooperación Local da Xunta de 140.000 euros e con 55.000 procedentes das arcas municipais–.


As accións previstas inclúen, tal e como indicaron dende o executivo local, “a substitución da cuberta actual de fibrocemento por paneis sándwich de aceiro lacado con illamento térmico, o revestimento das fachadas cun sistema SATE con acabado hidrófugo e illamento, así como a renovación das xanelas e portas para mellorar o illamento térmico”.


Ademais, instalarase unha batería de paneis solares térmicos e un intercambiador de auga quente sanitaria, cunha contribución do 60%. “Esta iniciativa é un paso adiante cara a un campo de fútbol máis moderno e respectuoso co medio ambiente”, afirmou Marcos. “Estamos comprometidos co benestar dos nosos deportistas locais, e estas melloras nos vestiarios contribuirán a un ambiente máis cómodo e eficiente para todos”, engadiu Barrón. 

Iniciadas as obras de mellora dos vestiarios do campo de fútbol “Prados Vellos” de Ares

Te puede interesar