A instalación dunha estrutura para medir o vento acrecenta o temor ao parque eólico Caaveiro

A instalación dunha estrutura para medir o vento acrecenta o temor ao parque eólico Caaveiro
A instalación pode verse desde localidades como Naraío, Anca e Doso | c. galdo

Ao longo da pasada fin de semana, persoal da empresa zaragozana Idnamic encargouse de montar e instalar unha gran estrutura nun monte do Concello de Neda próximo ao lílmite con San Sadurniño, preto da zona da Crotella e do Lugar do Eirexado, visible desde localidades como Naraío, Anca e Doso. Tal e como apuntan desde o Concello de San Sadurniño, todo apunta a que se trata dunha torreta de medición do vento, que ao parecer, estaría relacionada con proxecto do Parque Eólico Caaveiro, que a eléctrica Enel Green Power quere asentar en terreos da comarca, concretramente en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas. 
 

A estrutura en cuestión ten varios equipamentos, como paneis solares e varios brazos horizontais con anemómetros, que terían a misión de recabar datos en tempo real sobre a intensidade e as horas totais de vento nese punto, o máis baixo do cordal da Louseira, “co obxectivo de ter información real sobre a capacidade produtiva anual dos aeroxeneradores”, como sosteñen desde o Concello de San Sadurniño.
 

Sorpresa

A aparición desta torreta causou sorpresa en Naraío tanto polas súas dimensións como pola rapidez coa que se ergueu, ademais de certa intranquilidade entre a veciñanza por tratarse dun novo paso nos plans de despregamento eólico na comarca.
 

Segundo se comunicou desde o departamento de Urbanismo do Concello de Neda ao de San Sadurniño, a torreta tería unha altura de 120 metros, aproximadamente a mesma á que estaría a buxa dun muíño, 117 metros de estrutura e 3 máis da baliza de sinalización. Os cabos tirantes que a sosteñen alcanzan 120 m2 arredor da base.
 

As mesmas fontes confirmaron que a empresa, da que non se facilitou o nome pola protección de datos, presentou o proxecto mediante comunicación previa, dado que, segundo informaron, neste caso non existiría a obriga de solicitar licenza de obra nin de sometelo a información pública. Con todo, a comunicación foi validada pola Xunta de Goberno Local conforme a instalación cumpre coa normativa do solo e servidumes aeronáuticas nesa zona. Informaron ademais que se trataría dunha montaxe temporal que funcionaría durante os próximos dous anos.
 

Pola súa parte, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, contactou co seu homólogo en Neda, Ángel Alvariño, para interesarse polos detalles da instalación e Alvariño informou que a torreta “conta co informe favorable dos servizos técnicos municiais nedenses, xa que o proxecto e outra documentación cumprían coa normativa”, relatou García Casal, quen lembra que esta é a segunda instalación deste tipo que se ergue preto dos límites municipais de San Sadurniño –hai outra en Moeche–. O rexedor comenta que todo isto “son indicadores de que os plans de despregamento eólico seguen avanzando a pesar de que aínda non tivemos resposta ás alegacións que presentou a veciñanza e que presentamos como Concello o ano pasado”.
 

Secundino García lembra que o Concello se opuxo “por unanimidade” ao proxecto eólico Caaveiro así coma outros “que as grandes eléctricas, coa connivencia do Estado e algúns partidos, pretenden instalar na nosa comarca”. Critica tamén a campaña favorable que se fai na prensa a esta enerxía que din que é limpa, “cando é ben sabido que o beneficio será para as empresas, que non se vai xerar emprego e que ter eólicos á porta da casa tampouco vai supoñer que nos custe menos o recibo da luz”, sostén. Por todo isto o rexedor recalca a mensaxe de que “enerxía eólica si, pero non a calquera prezo e de costas á xente”.

A instalación dunha estrutura para medir o vento acrecenta o temor ao parque eólico Caaveiro

Te puede interesar