Narón aproba un modificado de crédito de dous millóns de euros para investimentos

Narón aproba un modificado de crédito de dous millóns de euros para investimentos
Un instante da sesión plenaria do día de hoxe I Concello

A corporación naronesa aprobou, na sesión plenaria celebrada hoxe, unha modificación de créditos por algo máis de dous millóns de euros. O voceiro de Terra Galega (TEGA), Román Romero, explicou que unha parte destinarase ás partidas que corresponden ao Consistorio para cofinanciar actuacións dos fondos Next Generation da Unión Europea. Dentro destas intervencións atópanse a redacción dun plan de accesibilidade universal; a reforma da praza de Galicia; a pacificación e humanización dos entornos escolares; as obras de mellora de paradas de transporte público; ou a conexión peonil do Río Inxerto (na avenida de Santa Icía).


Do mesmo xeito, con cargo a dito modificado recóllense, tal e como indicaron dende o executivo local, outras obras de reparación e acondicionamento de vías públicas; actividades culturais e deportivas; o mantemento e reparación de instalacións deportivas municipais; campañas de apoio ao sector comercial e hostaleiro da cidade e reparacións en edificios públicos. Haberá tamén unha partida específica para o convenio do servizo de madrugadores do colexio de Piñeiros e algunhas certificacións finais de obras. Así se reflicte no expediente aprobado onte –cos votos de BNG e TEGA e coa abstención do PP e do PSOE–.

 

Apoio

O pleno abordou, ademais, a declaración institucional de apoio ao colectivo de traballadores das Escolas Infantís Municipais, na que todos os grupos defenden “a profesionalidade do persoal” e na que se pon de manifesto o apoio nas súas reivindicacións con respecto a unhas condicións laborais máis “dignas e xustas” –para poder recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos–.


Mentres, na sesión plenaria declaráronse de interese e utilidade municipal as obras de instalación dun ascensor no CEIP Plurilingüe Virxe do Mar –que recentemente sacou a licitación a Xunta– e da reparación de canalóns e tellado da Asociación Nuestra Señora de Chamorro. Tamén un convenio de colaboración entre o Concello e a asociación Cometa, en materia de colonias felinas.


No apartado das mocións, aprobouse –coa abstención do PP– a presentada polo PSOE na que se reclama á Xunta a reapertura da unidade de Infantil no CEIP A Gándara e, por unanimidade, as dúas presentadas polo BNG. A primeira delas sobre a sinalización inclusiva nos edificios públicos de Narón (para as persoas invidentes) e a segunda, para que as sesións plenarias sexan retransmitidas en directo a través de streaming.  

Narón aproba un modificado de crédito de dous millóns de euros para investimentos

Te puede interesar