A realidade que supera á ficción: “Guerra”, un recordo a Mariúpol

A representación terá lugar mañá no escenario do Pazo da Cultura de Narón a partir das 20.00 horas
A realidade que supera á ficción: “Guerra”, un recordo a Mariúpol
Instantes da representación de “Guerra”, na que se suceden personaxes de famosas obras I CEDIDA

Cando estalou o conflito armado en Ucraína, en febreiro de 2022, non se sabe con exactitude onde estaba Eduardo Alonso. Con todo, co bombardeo ao Teatro dramático Mariúpol lembra perfectamente que se atopaba na casa, en Santiago de Compostela, “e sentín como se estiveran acabando coa casa dun veciño. E se ves as barbas do teu veciño cortar, pon as túas a remollar”; pois podería ser a súa compañía, que voltou de Finlandia fai nada, ou calquera outra a que estivera sobre esas  táboas. Pero non foi así. Eran 1.200 civís os que estaban refuxiados nun espazo que consideraban seguro por ser parte do patrimonio do país.


Así foi como naceu “Guerra” –unha obra que se representará no Pazo dá Cultura mañá ás 20.00 horas–, xusto ao día seguinte, cando Alonso decidiu que “había que escribir sobre isto”. Así, xorde da inxustiza da “destrucción da cultura”, como explica o seu director. Pois o escenario de Mariupol, “un puntal en Europa”, foi testemuña de grandes obras de dramaturgos do talle de Shakespeare, Valle Inclán ou Lorca e, en cuestión de segundos, as súas táboas quedaron reducidas a cinzas. Alonso non é o primeiro en escribir sobre os conflitos, de feito comenta que ao se enfrontar a este tema hai un traballo moi importante “revisando o que xa hai escrito”, porque é unha parte esencial de “os clásicos que constrúen a cultura europea”, asegura, e salvando as distancias busca “continuar con ese labor”.


Da inquietude e a catástrofe nace unha obra que, a pesar de centrarse nunha cuestión tan dura e complicada, non esquece os toques de humor. Primeiro porque “o teatro ten que divertir, o público sempre ten que saír mellor do que entrou”, asegura o seu creador e, segundo, porque “a ironía permite que haxa un distanciamento entre a temática e o espectador”. Esta última, cuestión que en ocasións e máis que necesaria. 


E é que Alonso ten claro que “non se pode estar na vida de forma contemplativa” e, por iso, esta representación “é unha obra que convida a que se tome partido desde as butacas. O que plantexa este texto é algo moi serio e trascendente para o xénero humano”.


O teatro “non ten que ser sempre comedia”, asevera o dramaturgo, pero asegura que “neste texto hai certa comedia porque é necesaria. O teatro e a ironía van da man e ten que ser unha proposta que permita reflexionar pero que satisfaga ao público”.


Contexto desfavorable


El ten unha das profesións máis complicadas do mundo, a de ser contador de historias. Aínda así, asegura que “todos temos este traballo dunha maneira ou outra, sexa de forma profesional ou non”. 


Como comunicador ten claro que a potencia da risa ten que estar “presente sempre dunha maneira ou outra, porque fai tomar perspectiva e provoca reflexión. Ao non deixarnos levar de todo tendemos a pensar máis sobre o asunto a tratar”, comenta, calidade que está moi ben “na arte en xeral e no teatro en particular”.


Iso si, unha vez ten o texto, a compañía e as ganas, a posta en escena non sempre resulta fácil. Alonso, de feito, asegura que “cada vez é máis complicado facer teatro”


E é que o autor fai referencia a unhas “circunstancias que distan moito da sinxeleza”, ben sexan de carácter político ou estrutural, que non axudan a que a disciplina se manteña forte.


“A forma de moverse é a través dos espazos municipais, os propietarios son os Concellos”, expón. Xa non hai “empresarios de paredes” –os antigos propietarios do teatro que non producían a obra–, “e non hai unha coordinación real”.


A verdade é que “cada vez resulta máis difícil levantar un espectáculo e facelo circular por toda Galicia”, asegura Alonso, aínda que cunha perspectiva esperanzadora, xa que “isto vai cambiar paulatinamente”. 


Desta forma fai referencia ao carácter efémero que, na actualidade, identifica ás representacións teatrais. “Non ten moito sentido que en cidades importantes esteamos a facer unicamente unha representación”.


O dramaturgo é crítico e ten claro que esta situación non axuda a que “o teatro penetre na sociedade”, cuestión que para el é esencial. Así, e se o panorama se mantén como ata o de agora, esta disciplina non conseguirá ser “parte da vida cotiá dunha cidade”. 


Para Alonso a premisa é clara: “un teatro pechado é un fracaso, e hai que conseguir que o hábito de gozar desde o patio de butacas sexa algo habitual”.


A pesar de que isto non se pode ver, por agora, o Pazo da Cultura permitirá un pase de “Guerra”, unha lírica inconformista na que non faltará a risa, pero que non deixa de lado unha realidade que tantas veces formou parte da historia e que, por desgraza, segue presente. 


Estas táboas converteranse, durante algo menos de dúas horas, nas de Mariúpol. Narón será sede dun edificio completamente destruído polo conflito bélico no que se sucederán os personaxes máis famosos dos máis coñecidos dramaturgos que foron representados en Ucraína até o bombardeo. 

A realidade que supera á ficción: “Guerra”, un recordo a Mariúpol

Te puede interesar