As instalacións da empresa Biomasa Forestal, no polígono de Penapurreira, acolleron esta semana a visita do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que acudiu na compaña da edila de Industria, Ana Pena, e de representantes das asociacións veciñais do municipio. O obxectivo deste encontro foi, precisamente, que os residentes puidesen coñecer a firma, líder no mercado español na fabricación e comercialización de biocombustibles sólidos –principalmente pellets, para a que ten unha capacidade de produción dunhas 75.000 toneladas ao ano–.
A compañía, indicou o rexedor, “amosa as potencialidades do sector forestal como eixo dun novo paradigma de crecemento económico, xerador de emprego, centrado na sustentabilidade ambiental e na innovación”, aseverou Formoso.
Desde o Concello fixeron fincapé na importancia deste sector no tecido industrial do municipio. Neste sentido, recordaron que “sostén 400 postos de traballo non só a través de empresas de primeira transformación, senón tamén a través de firmas de segunda, con alto valor engadido, tales como Adera, Tojeiro Maderas, Galparquet, Contrachapados del Eume, Biomasa Forestal, Carpintería Maciñeira, Carpintería Madesa, Sepo Carpintería, Carpintería Francisco, así como empresas de servizos forestais como Desbroces Marcos Otero, Desbroces Carlos e os transportistas vinculados ao sector”, enumerou Formoso, que incidiu no feito de que, segundo os últimos datos publicados pola Xunta sobre a cadea madereira, As Pontes ocupa o sétimo lugar no ránking dos 20 concellos en cortas de madeira, con 260.000 toneladas no último ano, cifra que supón un 17% máis con respecto ao ano anterior.