A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os edís do grupo de goberno acudiron este luns a unha das convocatorias da segunda fase do deseño da Estratexia Territorial Integrada (EDTI) da cidade, no marco da Axenda Urbana Española do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. En concreto, tratouse dunha sesión participativa na que tomaron parte os axentes implicados na mesma, logo de que o pasado venres tivese lugar un encontro informativo co comité responsable e outro dirixida ao persoal técnico dos diferentes departamentos municipais.
Para o vindeiro día 21 está programada unha nova sesión, neste caso, explican dende o executivo local, cos axentes económicos –asociacións empresariais, comerciantes ou cooperativas, entre outros, que se convocarán nos vindeiros días–, e outra cos integrantes do Consello Xeral de Participación Cidadá.
Na reunión abordarase unha fase de priorización de obxectivos e liñas de actuación para, posteriormente, tratar o retorno coñecendo os diferentes proxectos para a localidade.
Con esta convocatoria pechará o proceso de participación na Axenda Urbana 2030 de Narón, no que, como xa se informou neste medio, dende hai uns días pode participar tamén a cidadanía xeral a través da plataforma municipal “Narón Participa”.
Así pois, os veciños e veciñas teñen a posibilidade de presentar as súas achegas de maneira dixital ata o vindeiro día 15, a través da seguinte ligazón –dito formulario pódese presentar, así mesmo, nunha urna instalada na planta baixa da casa consistorial–.
Desde o Concello informan de que a partir do vindeiro xaneiro comezará o período de retorno de resultados do proceso de participación, que o persoal técnico municipal valorará de xeito previo.
“A través do Plan de Acción Local, no marco da Axenda Urbana Española, os concellos terán máis posibilidades para obter financiamento europeo a través do Marco Financieiro Plurianual 2021-2027 nos vindeiros anos”, explica o goberno naronés.