O tempo mudou hai uns días e xa se vai deixando notar o outono na comarca, aumentando os nosos desexos dun bo prato de culler. Ben seguro que moitos foron os que acudiron no día de hoxe con esa intención á nave do Mercado de Moeche, que acolleu durante toda a mañá a sétima edición da Feira da Faba.
A cita contou cunha boa afluencia de público disposto a coñecer, adquirir e degustar non só produto local, senón tamén o procedente doutras zonas do país; todo isto con máis actividades deseñadas polo executivo local para o propio evento. Así pois, as portas abriron ás 10.00 horas e dende o Concello apuntan a que as vendas foron boas, malia a escaseza de legume provocada pola seca dos últimos tempos. “As plantacións sufriron moitísima seca, o que fixo que non se desenvolveran como se terían que ter desenvolvido. Aguantaron algunhas fincas que foron de tarde pero produción vai haber moi pouquiña”, apuntaba a expositora Justa Rodríguez, de Terras da Mariña. Ao mal tempo apuntou tamén José Luis Sanjurjo, de Fabas Sanjurjo (Bardaos), incidindo en que “non axudou nada”. “A faba saíu máis pequena e con moito bicho. Non rendiu como noutros anos”, engadiu o produtor.
Todo isto provocou que os prezos da faba estivesen máis elevados que noutras edicións da feira. “Hoxe estivemos vendendo entre os cinco, a máis pequena, e os catorce euros a grande”, indicou Sanjurjo.
Entre as propostas deseñadas polo Concello para esta VII Feira da Faba estivo o circuíto de educación viaria para a rapazada, combinado cun obradoiro de pegatinas para que os pequenos as puidesen colocar nos seus cascos. Tamén unha demostración de cociña, a cargo de Noela Torres, da comunidade gastronómica e cultural “Babuxa”. Nela elaboráronse tres pratos diferentes coa legume protagonista da cita como ingrediente principal.
A charanga Brassica Rapa foi a encargada de darlle a ambientación musical ao evento e os máis atrevidos, pequenos e maiores, participaron no concurso de debagado de fabas, que deu paso ao sorteo de lotes de produtos da feira.
“Falei cos dos postos e todo o mundo está contento co que está vendendo”, aseverou a alcaldesa modestina, Beatriz Bascoy, que tivo verbas de agradecemento para os expositores chegados da zona de Trabada. “Queremos agradecerlle á xente da cooperativa Terras da Mariña a súa presenza porque estiveron moi asustados antonte e onte polo tema do lume. Aínda así estiveron aquí, vendendo e trouxeron produción”.