A delegada territorial do goberno galego en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron onte o campo de voluntariado de Vilarbó (As Pontes) no que participan, dende o pasado 15 de xullo, un total de 16 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
Os participantes ocúpanse de labores vinculados á conservación medioambiental, tales como plantacións, reforestacións, limpeza das beiras do río Eume ou a construción de hoteis para abellas ou niños e comedeiros.
Aneiros lembrou que o obxectivo deste campo de voluntariado “é a custodia do territorio mediante a conservación e a recuperación das fragas e o bosque de ribeira no entorno do río Eume e a divulgación das Fragas Atlánticas de Vilarbó”.
Pola súa banda, Pichel resaltou a importancia de que a mocidade galega dispoña tamén en verán de alternativas de ocio como as que ofrecen os campos de voluntariado.