Aínda que en Galicia non queda un santo sen loubar, o certo é que hai catro patróns “totais” ao longo do verán que espallan os festexos polas vilas e cidades. Comezando polo San Xoán, seguindo polo Carme e rematando por Santa María, a celebración do Apóstolo Santiago pecha esta singular traca festiva repartindo polas tres comarcas a “Santísima Trinidade” das xoldas patronais galegas: comida “a fartar”, sesións vermú e verbena ata que o corpo aguante, que adoita ser moito.
Mugardos celebra estes días o patrón de Franza e do Seixo ata o 28 de xullo, habendo polo medio dúas actuacións na vila mugardesa: Tributo a Queen na praza da Constitución o 27 ás 23.00 e Certame de Corais con Coro Xogos, Cancións do Mundo e Estelas do Mar no Casino Mugardés ese mesmo día ás 20.00. Os festexos patronais comezaron este mércores cunha queimada no S.A.P.G. O Seixo e seguen este xoves coa verbena no parque de Beiramar desde as 22.30 horas coa Orquesta Claxxon-Somoza Trío, inaugurando o escenario nocturno.
O venres colle a remuda á mesma hora o Grupo Jaque e a Orquesta Acordes. O sábado 27 é unha das xornadas marcadas en vermello no calendario: a Festa das Merendas. Haberá música ao mediodía co Grupo Galia (14.30 horas) e de noite coa mesma agrupación e o Dúo Trasnos. O domingo 28 será a última xornada festiva con Gallaecia Small Band Tour ás 22.30 horas.
Foron tempos nas Somozas cando recibían a artistas internacionais polas súas festas patronais; non obstante, a programación deste ano nada ten que envexarlle a aqueles grandes despliegues dos primeiros 2000 cunha ampla achega de orquestas que mobiliza á mocidade de toda a contorna. Comenzaron este mércores o programa con La Fórmula e a Panorama, e este xoves tocan misas na capela de San Roquiño ás 10.00, 11.00 e 12.00, e outra na igrexa parroquial con procesión ás 13.00. A sesión vermú será de Tafornelos e Galilea, repetindo esta última pola noite xunto a Gran Parada.
O venres haberá misa na parroquia ás 13.00 de novo e a orquesta Solara estará a mediodía, facendo o dobrete nocturno con Cinema. O ex concursante do programa “La Voz”, Andrés Balado, dará un concerto versionando clásicos do rock o sábado 27 ás 22.30 e o 28 rematan os festexos coa Festa do Neno desde as 17.00 horas.
Pola súa banda, As Pontes finaliza este xoves a festa rachada que comezou o pasado 12 de xullo coa tradicional romaría con misa ás 12.00 e sesión vermú multitudinaria ás 13.30 con Louband primeiro e, desde as 15.30, co DJ Álex Romero. Rematan así os festexos no parque da Fraga, onde quen máis e quen menos acabará probando a temperatura do Eume logo de converterse un ano máis nunha lameira o campo da festa.
O barrio da Gándara, en Narón, é outro dos lugares das tres comarcas que festexan na honra de Santiago Apóstolo desde o pasado martes, cando houbo verbena amenizada por Xilo e Carlos. O mércoores, o Dúo Son II fixo dobrete ao mediodía e tamén á noite, acompañados na verbena pola Orquestra Finisterre. Este xoves, logo das dianas e alboradas, ás 12.00 celebran misa e percorrido de gaiteiros. A “sesión vermú larga” terá dous protagonistas: o Trío CQC e a Solista Almudena. O venres será o último día e estará adicado á cativada, celebrando o Día do Neno pensado para os e as máis pequenas.
A parroquia fenesa de Barallobre adica catro días ao seu patrón e tamén á súa patroa, sumando o Carme ao Santiago. O mércores houbo pasarrúas de dous grupos de gaiteiros ás 16.00, coa actuación de Os de Sempre, e este xoves a troula comeza coas bombas de palenque tradicionais. Haberá misa na parroquia ás 12.30 horas e un espectáculo de fogos artificiais ás 14.00 horas, seguidos da sesión vermú co carismático Grupo Pasión, que repite pola noite compartindo escenario coa Orquesta Sinfonía.
O venres serán os foguetes os que esperten á veciñanza para a procesión, programada para as 10.30 horas, baixando ao peirao e comezando o percorrido marítimo que culminará cunha misa. Haberá nova sesión de artificio ás dúas e música de Los Españoles. A verbena será co Grupo Puzle e o sábado o Dúo Susan e Rolan dobrarán a mediodía e á noite.
Pontedeume tamén fai un oco no seu programa festivo á celebración do Apóstolo. O mércores comezaron os festexos cunha churrascada popular desde ás 21.00, seguida dunha verbena a cargo do Dúo Matices e Unión y Fuerza. Este xoves haberá percorrido de gaiteiros á mañá por toda a zona, estando fixada a misa do patrón para ás 13.30 horas, con procesión ao finalizar. Na sesión vermú estarán Xilo e Carlos, os mesmos que repiten pola noite. Ás 18.30 está programada unha festa infantil. Finalmente, o venres repítese a misa á mesma hora, co Dúo D’Luxe ao mediodía e tamén pola noite, desta volta xunto a Fania Blanco Show.
Na parroquia ortegana de Cuíña non perden tampouco de celebrar o seu patrón. Comezaron o mércores co pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Ladrido, misa e procesión ás 13.00 horas. Despois foi Alma Latina quen subiu ao escenario para a sesión vermú, facendo dobrete pola noite xunto ao Dúo Sonidos. Este xoves a troula empeza de novo coa cerimonia relixiosa, tendo ao mediodía a música de Salsarena, a mesma formación que estará na verbena acompañada polo Dúo Maracaibo. Para a traca festiva final, a comisión de festas programou unha gran churrascada a prezos populares desde as 20.00.