O Concello de Valdoviño iniciou esta semana as obras de acondicionamento do vial entre o lugar do Adro e a Capela da Fame, na parroquia de Vilarrube.
Trátase da primeira das intervencións que o Consistorio ten previstas en vinte camiños e pistas da rede viaria municipal.
Dan comezo, así, os traballos, despois de múltiples retrasos “derivados do proceso de contratación”. Segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas Viarias, Germán Gómez, as tarefas adxuricáronse inicialmente á firma Excavaciones Saavedra y López S.L., que renunciou finalmente ao contrato, obrigando deste xeito ao executivo local a volver a licitar os traballos.
Nese segundo procedemento, a empresa Martiñán presentou a mellor oferta, encargándose finalmente das obras de acondicionamento, nas que se investirán algo máis de 211.000 euros –con cargo aos plans da Deputación da Coruña–.
Así pois, ao longo das vindeiras semanas os traballos continuarán nos camiños e pistas de Viansil (parroquia de Lago); Latoal e Lousada (Loira); Taraza e Tuimil (Meirás); Xavariz, Moreira e Cadaval (Pantín); A Bedoxa, Preitela e Monetes (Sequeiro);
Boeiro, O Muíño, Aviño e rúa Imeldo Corral (Valdoviño); A Vispeira (Vilaboa), e Vilela e Pena (Vilarrube).