O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), están a impulsar a iniciativa ‘Argallando.gal’, no marco do programa de fomento de vocacións tecnolóxicas entre a rapazada ‘Tech Kids’ e baixo o lema deste ano ‘Argallando entre xeracións’. Búscase a colaboración interxeracional na resolución de diferentes retos tecnolóxicos coa celebración de 28 talleres nos meses de setembro e outubro polas diferentes aulas CeMIT de Galicia. Así, onte martes celebrouse un obradoiro no Centro Gaiás Tech cunha vintena de escolares de Santiago, ao que asistiu o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Nun contexto de permanente revolución tecnolóxica, marcada pola dixitalización, semella que as tradicións quedan relegadas a un segundo lugar no que respecta aos avances e ás transformacións sociais. Así, co concurso ‘Argallando.gal’ preténdese procurar a unión da cultura e a tradición galega coa tecnoloxía más actual, buscando estimular o interese dos máis novos nos ámbitos da historia e a cultura de Galicia, as tradicións, a súa mitoloxía e a simboloxía máis ancestral. “Os obxectivos son dar a coñecer a tecnoloxía entre a mocidade cunha vocación educativa e divulgativa en eidos diversos, presentala como un motor de desenvolvemento e innovación, espertar vocacións, crear comunidade, potenciar competencias chave como a resolución de problemas ou a xeración de ideas disruptivas, e premiar o esforzo, o talento e o traballo en equipo, recoñecendo aquelas ideas tecnolóxicas máis creativas” –explica Suárez–.
Exemplos desta temática son: Un hórreo con wifi, un modelo de IA con retranca, xoias celtas impresas en 3D, un poboado de castros smart-city, unha igrexa domotizada ou un peliqueiro holográfico. Os participantes no certame, mozos e mozas de entre 12 e 18 anos e persoas adultas sen límite de idade responsables legais dos equipos, terán que desenvolver proxectos creativos que fusionen a cultura máis ancestral coa tecnoloxía máis vangardista, aportando diferentes puntos de vista e coñecementos segundo as súas idades. A participación no certame deberá realizarse en equipo, dun mínimo de dous integrantes e un máximo de seis (incluíndo ao responsable).
Os proxectos poden incluír mapas interactivos, modelos divulgativos feitos con fabricación dixital, videoxogos culturais, folclore e electrónica musical ou calquera outra iniciativa de carácter tecnolóxico orientada a dar a coñecer e dixitalizar a tradición galega. No deseño e execución dos proxectos valorarase o seu carácter divulgativo, os recursos tecnolóxicos empregados, o coñecemento técnico requirido, a innovación e a creatividade da idea, así como o nivel de utilidade para a sociedade galega.
Para presentar a idea e mostrar os seus prototipos, os equipos deseñarán presentacións en formato de vídeo curto (máximo 1 minuto) ou imaxes para publicar nas redes sociais, aspecto divulgativo que tamén será tivo en conta polo xurado do certame.
Os proxectos poderán presentarse ata o 14 de outubro na web https://argallando.gal/. O xurado fará público o seu fallo unha semana despois do peche das inscricións. Outorgaranse os seguintes premios:
• XIGANTE ARGALLEIRO: Aquel proxecto que, con carácter global, destaque sobre os demais polo seu enfoque, nivel de execución e creatividade.
• NUBEIRO TECH: Aquel proxecto que empregue a tecnoloxía como eixo principal dunha forma especialmente interesante ou que sobresaia pola súa complexidade técnica.
• ÁRBORE SENLLEIRA: Aquel proxecto que resulte da colaboración interxeracional entre participantes de idades moi diferentes e que pertenzan a diferentes xeracións (por exemplo pais e fillos, avós e netos, irmáns, familiares, profesores e discentes, etc.).
• PROXECTO SEREA: Aquel proxecto que, ben polos seus contidos, ben pola súa presentación, logre transmitir dun xeito máis didáctico e atractivo algún elemento da cultura galega.
• E-TRASNADA: Aquel proxecto que consiga sorprender por exceder o inimaxinable.
Os equipos que resulten gañadores do concurso nas diferentes categorías recibirán un diploma acreditativo e un agasallo. Os gañadores recibirán o seu recoñecemento nun acto público de entrega de premios o día 25 de outubro, ás 18:00 no Centro GaiásTech, onde poderán presentar os seus proxectos de forma presencial.