O Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora esta semana a entrada de Afonso o Sabio, X de Castela e IX de Galicia-León. Henrique Monteagudo é o autor da entrada desta figura imprescindible para a cultura galega e nela descríbeo como “monarca das Letras Galegas medievais”.
A biografía que se incorpora ao Álbum de Galicia desta semana arrinca coa orixe do reino que herda Afonso X o Sabio, nado en Toledo en 1221. “Afonso asumiu o cetro de Castela e León-Galicia ao pouco de que o seu pai unificase os dous reinos (1232) e a seguir conquistase boa parte de Andalucía” apunta o autor da entrada, Henrique Monteagudo. Isto fixo que o monarca se atopase cuns dominios poboados por xentes de diferentes relixións, nos que se falaba castelán, ástur-leonés, galego, éuscaro e árabe, e vigoraban tradicións culturais en latín, romance, árabe e hebreo. Esta situación fixo que concibise un proxecto político innovador no que buscaba reforzar o poder da monarquía á custa da nobreza e da Igrexa. Ademais, en paralelo puxo en marcha un ambicioso programa cultural, para promover unha alta cultura laica que desafiase o monopolio eclesiástico. Monteagudo explica na entrada que a clave estivo na súa política lingüística “de promoción do romance en detrimento do latín”.
O latín e a cultura escrita eran patrimonio da Igrexa e non valían como idioma común nun reino en que se falaban tantas linguas, o que motivou o pulo ao castelán.
Na súa entrada, Monteagudo destaca tamén o empeño do monarca en concentrar a cultura arredor da súa corte, que acolleu trobadores occitanos (como Guiraut Riquier), italianos (Bonifaz Calvo) e cataláns (Arnau Catalan ou Cerverí de Girona). A súa afección pola lírica trobadoresca manifestouse ao congregar “ao seu redor unha boa parte das xeracións intermedias de poetas galego-portugueses, propiciando a etapa de plenitude deste fenómeno literario (1250-1280)”. El mesmo foi un espléndido poeta, activo durante toda a súa vida adulta, aínda que, ao parecer, primeiro se centrou na produción profana (1245-1266) e despois na relixiosa (1264-1284). Monteagudo destina unha mención específica ás Cantigas de Santa Maria, obra destacada da cultura galega. “Pode darse como segura a autoría do monarca nas composicións que serven de prólogo e epílogo á obra e nas autobiográficas ou referidas á súa familia (28 textos); nas demais, a súa participación efectiva consistiría na programación xeral do proxecto, a orientación no desenvolvemento e a revisión definitiva do traballo” explica.