Unhas grosas lentes de carey, un pelo ondulado, estirado cara atrás e tempraniñamente encanecido e uns beizos grosos como polgares foron trazos distintivos de Francisco Fernández del Riego que retratistas de todo signo souberon ver e destacar nas miles de caricaturas e fotografías que se lle fixeron ao longo da súa vida, a cal finalizou en Vigo en 2010.
Tantas veces foi retratado que se diría que don Paco, a quen a Real Academia Galega adica este ano o Día das Letras Galegas, estivo sempre aí, o que soamente é verdade en parte: a luz dos flashes non era moi recomendable para un galeguista durante o Franquismo, polo que non era sinxelo seguir as súas andanzas, o que non implica que don Paco puxese entre paréntese ese activismo cultural que agora Galicia enteira conmemora.
Del Riego naceu en Lourenzá (Lugo) en 1913 como o primoxénito de once, dos que actualmente só Ana María continúa viva, e desde moi novo amosou inclinación cara á cultura e a política, como ben sabían os seus irmáns, aos que pagaba para que fixesen de público cando ensaiaba no faiado os seus primeiros discursos.
Estes volvéronse recorrentes na súa época de estudante de Dereito en Santiago de Compostela, onde chegou procedente de Madrid, capital na que comezou a militar no galeguismo profundamente influído por Vicente Risco, así como pola lectura das obras de Rosalía de Castro ou de Curros Enríquez.
Foron anos, ata o inicio da Guerra Civil, nos que xa evidenciou o seu compromiso intelectual e político e amosou esa maratoniana capacidade de traballo que hoxe fai imposible resumir nun par de follas toda a súa traxectoria.
Con todo, como síntese deses primeiros anos, aí vai a seguinte: comeza a escribir para a editorial Nós, tamén en El Pueblo Gallego ou na revista da Universitat Catalá, asume a dirección do semanario A Nosa Terra, colabora frecuentemente co Heraldo de Galicia, en Ourense; con Galicia e A Fouce, en Bos Aires, coa Federación de Mocidades Galeguistas...
Máis: coopera coa organización xuvenil Ultreya, forma parte da Asociación Profesional da Facultade, participa en actos políticos como membro do Partido Galeguista, é parte do proceso de xestación da Asociación de Escritores Galegos, asume a secretaría técnica do Comité de Organización da Asemblea de Consellos que redactaría o proxecto do Estatuto Galego...
Unha hiperactividade que nunca, ata ben entrado en anos, abandonou don Paco, un home ao que quen coñeceu describe como metódico, ordenado, coidadoso e cunha capacidade de traballo hercúlea, o que lle permitiu deixar a Galicia un legado dun valor incalculable.
Como para moita outra xente, a vida de don Paco cambiou coa chegada da Guerra Civil, que a el lle tocou librar no lado do bando nacional, e co que veu despois: no seu caso, foi despedido e inhabilitado como profesor, prohibíuselle participar en actividades culturais e mudouse a Vigo, onde conseguiu saír adiante como educador sen apelido e con colaboracións en todo tipo de publicacións asinadas baixo pseudónimo, sobre todo como Salvador Lourenzana.
Veraneaba entón don Paco nunha casiña en Coruxo, xunto á praia, onde se reunía con outros galeguistas nunha época na que Del Riego tentaba reconstruír o Partido Galeguista, todo, claro, de maneira clandestina.
Por eses anos, en 1949, publicou ‘Cos ollos do noso esprito’, o seu primeiro libro, editado en Buenos Aires, coordinou emisións en lingua galega na BBC e comezou a colaborar no diario compostelán La Noche, todo iso pouco antes de empezar a traballar no primeiro número da Colección Grial (1950), que derivou en ‘Grial. Revista Galega de Cultura’, aínda viva, que codirixiu entre 1963 e 1988.
Nese mesmo 1950 impulsou a editorial Galaxia xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Isla, mentres seguiu publicando a súa propia obra: ‘Danzas populares galegas' (1950) e ‘Galicia no espello' (1954), e ingresou por segunda vez en prisión, da que volveu saír sen consecuencias pero sí que iso lle levou a renunciar aos cargos de secretario e conselleiro de Galaxia, editorial coa que seguiu colaborando e que é fundamental no eido da cultura galega.
En 1960 ingresou na RAG, onde xunto a Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxo a creación do Día das Letras Galegas co que esta vez se lle homenaxea, e xa en 1997 asumiu a presidencia da institución, cargo que ostentou ata o ano 2001.
Mecenas e coleccionista de arte, bibliófilo empedernido e experto en literatura brasileira e portuguesa, lector compulsivo e traballador incansable, a traxectoria de don Paco continuou sempre ao mesmo ritmo nas seguintes décadas.
Durante moitos anos publicou incontables columnas de opinión en Faro de Vigo e La Voz de Galicia, laboura, a de columnista, que continuou realizando cunha secretaria que mecanografaba as súas palabras cando a súa maltreita vista, xa maior, lle impedía facelo en por sí.
Seguiu, claro, publicando os seus propios libros, cos que tocou case todos os xéneros: libros de memorias, de viaxe, monografías ou ensaios, participando á súa vez en libros colectivos, moitos dos cales foron reeditados este ano.
Por citar algúns: Historia da Literatura Galega, Dicionario de escritores en lingua galega, A xeración Galaxia, Letras do noso tempo, As peregrinacións xacobeas, O camiño de Santiago e Galicia, O río do tempo, Camiño andado...
De don Paco, ademáis da súa capacidade de traballo, destacan os seus biógrafos o seu talento para exercer de argamasa da cultura galega e a súa xenerosidade, dúas virtudes que, entre outras, lle foron recoñecidas en vida con moitos dos premios e homenaxes que recibiu: Premio Trasalba, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Medalla Castelao ou Premio das Artes e das Letras de Galicia, entre outros.
Ao pobo de Vigo, en 1995, doou Del Riego a súa colección de 25.000 libros, hoxe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, así como todos os seus cadros e documentos históricos, un arquivo no que figuran textos autobiográficos de Castelao, Otero Pedrayo, Maside ou Vicente Risco; pinturas de Laxeiro, Seoane, Colmeiro ou Díaz Pardo e ata un gravado de Picasso.
A vida de don Paco foi longa, o seu activismo cultural maiúsculo e a súa herdanza un tesouro, a todo o cal rende Galicia este 2023 merecida homenaxe, porque a pegada de Del Riego é talvez menos coñecida que a doutros grandes nomes da cultura galega, algo que a RAG trata de corrixir; pero, segundo os seus colegas e estudosos, igual de inmarcesible.