Vinte finalistas aspiran a gañar a oitava edición dos Premios Youtubeiras+

Vinte finalistas aspiran a gañar a oitava edición dos Premios Youtubeiras+

Os Premios Youtubeiras+ anunciaron esta mañá no Concello de Narón a relación das canles e persoas finalistas, vinte en total, que aspiran a ser as gañadoras nalgunha das sete categorías nas que se dividen nesta súa oitava edición. A gala de entrega terá lugar o próximo sábado 1 de febreiro, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura. Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Soledad Agra, deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, e Javi Sánchez, artista coñecido co nome de Meiga-i e quen presentará a gala, deron a coñecer a listaxe de finalistas do certame. Estes galardóns enmárcanse no proxecto Youtubeiras, organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

 

“Narón únese ao proxecto Youtubeiras e faino da mellor forma posible, acollendo a gala de entrega de premios, para amosar o noso compromiso coa lingua nun ámbito, o das redes sociais e a creación de contidos en Internet, que consideramos fundamental para o presente e para o futuro de calquera idioma”, sinalou a alcaldesa de Narón antes de engadir que a creación de contidos en galego en plataformas como YouTube e TikTok constitúe unha “vía imprescindible” para a difusión do galego entre as novas xeracións.

Ferreiro, ademais, lembrou que este ano os Premios Youtubeiras+ viven “unha edición de transformación ao ampliar o seu campo de acción”, xa que se abriu a participación aos contidos xerados en TikTok . “Estes premios caracterizáronse sempre polo seu dinamismo. Foron mudando e foron adaptándose ás transformacións que se deron na comunidade de creación de contidos na nosa lingua na Rede. Son uns premios vivos que acompañan e impulsan esa comunidade”, reflexionou Marián Ferreiro antes de explicar que a asistencia á gala é gratuíta para o público xeral. As entradas pódense conseguir no propio Pazo da Cultura, chamando ao teléfono 981 102 897, de luns a sábado, de 9.30 a 14 00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, ou a través do correo electrónico

 

89 canles

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, iniciou a súa intervención agradecéndolle a Narón a súa disposición para acoller a gala e deulle a benvida ao proxecto Youtubeiras+. “Estes premios caracterizáronse sempre pola colaboración institucional e a implicación de diferentes entidades locais a través dos seus servizos de normalización lingüística, así como das tres universidades. Cremos que a unión, a colaboración e a forza común ao redor da lingua conforman o camiño que cómpre seguir”, explicou Agra antes de dar algúns datos sobre esta oitava edición, que leva por lema Fachenda ao cadrado. “Este ano rexistramos a inscrición de 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok. Superamos a cifra da edición anterior, na que contamos coa concorrencia de 68 canles”, desvelou Agra. A representante da Deputación da Coruña tamén engadiu outra cifra para definir esta oitava edición. “Os vídeos que se inclúen nestas canles supoñen un total de 19 720 minutos de contidos dixitais en galego”, rematou.

 

Thumbnail CARTEL GALAYOUTUBEIRAS 2025

 

Agra lembrou que os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de TikTok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consigan os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística e rede, ademais do Premio do Público, levarán 1000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, votaron 5056 persoas a través da web de Youtubeiras, www.youtubeiras.gal.

 

A gala

Javi Sánchez encargouse de descubrir algúns detalles da gala, que contará coa actuación musical do grupo De Ninghures. “Esta é unha gala de mudanzas: mudamos de casa, imos a unha máis grande e acolledora. Porque somos máis”, sinalou Sánchez, coñecido co nome artístico de Meiga-i. O presentador lembrou que a gala da edición anterior, presentada por Nuria Vil e Gabri Fuentes, xa se ambientara nun salón para facer patente a casa común que quere significar Youtubeiras. “Continuamos con esa idea de fogar, de acollemento, pero mudámonos a unha casa máis grande porque somos máis. E así vimos a este gran Pazo da Cultura de Narón”, celebrou Meiga-i.

 

O artista, ademais, adiantou que a gala “non será un musical, pero terá moita música” e que tampouco será un cabaré, pero “teremos moito de cabaré”. Finalmente, Meiga-i desvelou dous grandes leitmotivs da gala. O primeiro, o propio lema desta edición Fachenda ao cadrado; e o segundo, a historia de Internet. “Youtubeiras xa ten oito anos, xa ten unha historia e percorreremos a historia de Internet ao longo de toda a gala a través de homenaxes aos formatos nativos da Rede”, concluíu o presentador.

 

Finalistas

Vinte canles e persoas en conxunto son finalistas nas sete categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras+. As finalistas á mellor canle de YouTube son Exército Mekemeke, IagoRAW e O Faiado Podcast, mentres que na categoría de mellor canle de TikTok o son Sara Seco Rial, pradorua e konachadas. O Premio á Creación de Contidos decidirase entre Rodri Míguez; Anxo Sánchez e María Prado, de pradorua, a única finalista en dúas categorías. O Premio Revelación disputarase entre Arquivo Anab, Carlota Casal Ramos e Galiactiva. O Premio á Calidade Lingüística decidirase entre A Debate no Eirado, Galego para Peques e Luís do Río, mentres que optarán como finalistas ao Premio Rede OU ké!, Pablo Rodríguez Vila e Rebelico. Por último, tres son os vídeos finalistas ao Premio do Público: A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego; Non máis bágoas, de Xurxo Varela; e Queimas controladas, de Savia Nova.

 

O xurado desta oitava edición está conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023.

 

A seguir, relación de finalistas e concellos de procedencia:

 

FINALISTAS: CANLE DE YOUTUBE 

● Exécito Mekemeke (Ames) ● IagoRAW (Lugo) ● O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)

 

FINALISTAS: CANLE DE TIKTOK 

● Sara Seco Rial (Santiago de Compostela) ● pradorua (Ourense) ● Konachadas (Ames)

 

FINALISTAS: CREACIÓN DE CONTIDOS 

● Rodri Míguez (Bueu) ● Prado Rua (Ourense) ● Anxo Sánchez (Lugo)

 

FINALISTAS: REVELACIÓN

● Arquivo Anab (Xinzo de Limia) ● Carlota Casal Ramos (Melide) ● Galiactiva (Ourense)

 

FINALISTAS: CALIDADE LINGÜÍSTICA 

● A Debate no Eirado (Santiago de Compostela) ● Galego para Peques (Monterroso) ● Luís do Río (Santiago de Compostela)

 

FINALISTAS: REDE 

● OU ké! (Ourense) ● Pablo Rodríguez Vila (Lugo)

Vinte finalistas aspiran a gañar a oitava edición dos Premios Youtubeiras+

Te puede interesar