O cinema galego volve contar cunha sección propia no London Spanish Film Festival, denominada Letters from Galicia, para exhibir na capital británica algunhas das producións do cinema galego máis recente. A Xunta de Galicia colabora coa asociación Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, e a plataforma Galician Film Forum nesta segunda edición da iniciativa ao abeiro do certame londiniense, que se desenvolve desde onte e ata o vindeiro día 25.
Letters from Galicia acollera as proxeccións de O Corno (2023) e o documental Salvaxe, Salvaxe (2024), ademais dunha selección de seis curtas de varios xéneros e formatos da que forman parte Habitar (2023), Véxote (2024), To Bird or Not To Bird (2023), Non te vexo (2023), Queimar cando morra (2024) e Alguén me chamou serpe negra (2024).
Así e co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, amplíase o foco galego neste festival que dirixe a produtora catalá Joana Granero. O obxectivo é contribuír a reforzar a oferta cultural de Galicia na capital británica, no marco dun dos eventos que máis sona ten entre a comunidade española e foránea, e na liña do traballo desenvolvido desde 2015 polo colectivo Galician Film Forum como espazo de exhibición do noso cine en Londres.
Encontros con Janet Novas e Emilio Fonseca
A programación seleccionada constata a realidade que vive o audiovisual galego, cunha presenza destacada en festivais internacionais, onde colleita recoñecementos como a Cuncha de Ouro acadada por O Corno na anterior edición do Festival de San Sebastián. A longa dirixida por Jaione Camborda poderá verse no London Spanish Film Festival o vindeiro domingo 22, ás 18,00 h., e a sesión incluirá un encontro con Janet Novas, gañadora do Goya á mellor actriz revelación polo seu papel nesta película.
O luns 23, á mesma hora, exhibirase o documental Salvaxe, Salvaxe, de Emilio Fonseca, quen tamén participará nun coloquio posterior. E o martes 24, a partir das 18,30 h., será a quenda das curtas Habitar, de Anxos Fazáns e gañadora este ano do premio da MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) do Museo do Pobo Galego; Queimar cando morra, de Inés Pintor; Non te vexo, de Xacio Baño; To Bird or Not To Bird, de Martín