​Manolo García: “Os rapaces son mellores hoxe porque hai máis xente que os axuda”

​Manolo García: “Os rapaces son mellores hoxe porque hai máis xente que os axuda”
García, dando instrucións desde a banda nun partido da tempada recén rematada | jorge meis

Adestrador do Racing Xuvenil


As estatísticas reflicten unha traxectoria claramente ascendente do Racing xuvenil esta tempada no seu regreso á Liga Nacional. Rematou o ano 2021 moi preto dos postos de descenso, con só 11 puntos, mais desde xaneiro foi remontando até se converter, con 30 puntos, nun dos sete mellores equipos do campionato. O seu técnico, Manolo García –Ferrol, 1968–, fai balance.


Como valoraría a tempada do seu equipo?

De menos a máis ou, mellor dito, de moi pouco a máis. Custounos moitísimo endereitar o rumbo porque nos atopamos cun grupo que non é que entendera que a derrota era o normal, pero cando estaba por detrás no marcador deixábase ir moitísimo. O traballo máis importante que fixemos durante a primeira parte do ano foi tratar de convencelos de que traballando e sufrindo nos momentos difíciles e cando as cousas van mal é cando o equipo ten que tirar para arriba. Pouquiño a pouco, e non sen traballo, fómolos convencendo e penso que unha demostración importante foi o cambio radical que deu o equipo na segunda volta. Chegamos ao Nadal con 11 puntos e rematar a liga con 41 reflicte o crecemento do equipo ao longo destes meses.


O traballo máis importante do equipo técnico foi, polo tanto, mental?

Penso que foi traballo de todo o equipo. Sen dúbida, había unha parte psicolóxica, pero realmente eles tiñan que entender tamén que determinados erros non só pasaban por mala sorte, senón que eran corrixibles e non tiñan por que producirse. Cando se dá unha melloría, é melloría de todo, a nivel físico e táctico, e de pensar que podiamos facer máis. Non diría que foi máis importante un aspecto ou outro, senón que, cada un na súa parcela, foi un traballo global de todos os aspectos que interveñen no xogo.


Houbo un momento concreto no que dixera: “Agora si que cambiou o equipo”?

Entre o corpo técnico falamos varias veces e coincidimos en que houbo un día concreto en que si se deu un cambio. Foi a xornada (a decimocuarta, a última de 2021) que perdimos 4-1 co Celta B na Madroa e probablemente ese día os xogadores se deron de conta de que facer as cousas ben, aínda perdendo, íanos valer moitísimo para o que empezou despois. O Celta B é un equipo moi superior a nós, pero o final do partido non foi o que di o marcador: o equipo traballou ben, competimos moi ben contra eles e a partir dese día o equipo creu máis no adestrador, no corpo técnico e neles mesmos.


Para vostede, a nivel persoal, como foi esta tempada?

Eu había moitísimos anos que non tiña a oportunidade de adestrar con xuvenís. Para min foi de moitísima aprendizaxe; é unha liga diferente, sobre todo porque non podes esquecer a parte de formación que lles toca, pois son rapaces que están crecendo, que cren que son adultos pero aos que aínda lles queda un camiño importante por facer. Tiramos de moita man esquerda, entenden perfectamente todos os conceptos de xogo e pódese traballar con eles absolutamente todo e, a min, persoalmente, deume moitísima satisfacción sermos capaces de ir mellorando pouco a pouco. Todo iso, por suposto, coa axuda de Iván, de Óscar, de Oreona, de todo o corpo técnico, que estivemos aí ao pé do cañón todo o ano, para poder mellorar todos os aspectos do xogo, e ver que o equipo, ao final, era quen de gañar, algo que ao principio da liga semellaba practicamente imposible. Esa apredizaxe dos xogadores repercute positivamente no rendemento do equipo. Espero que todos os que remataron agora garden un bo recordo do Racing e de todos nós.


O gran cambio do fútbol nos últimos anos é a nivel físico?

As condicións de adestramento, con respecto ás que tiñamos nós hai vinte ou trinta anos mudaron mioitísimo: hai máis xente implicada no traballo e hai mellores condicións –adestrador, asistente, preparador físico, etc–. En xeral, penso que é unha evolución positiva de todos: son mellores e traballan mellor, pero si que é certo que en determinados momentos a expectativa ou ilusión que mostrabamos nós á súa idade por adestrar se cadra era un pouco maior; non había que estar tan enriba nosa para facer as cousas. Agora tes que insistir máis, tes que explicarlles todos os días que é importante que poñan da súa parte e iso probablemente sexa simplemente pola propia evolución da sociedade. Pero, en xeral, son mellores ca nós cando estabamos na súa idade, porque hai máis xente que os axuda a mellorar.


Vai seguir adestrando o equipo a vindeira tempada?

Non o sei. Imaxino que esta semana falaremos, porque esa decisión depende non só dun mesmo, senón do clube. Se sigo, estupendo; trataremos o ano que vén empezar mellor e facer mellor as cousas, e sen dúbida o traballo feito cos xogadores que quedan –nove rapaces do actual plantel deixan de ser xuvenís– o vai facilitar moitísimo. E, se non sigo, que o seguinte aproveite o traballo que fixemos, que penso que foi bo no sentido de futuro.

​Manolo García: “Os rapaces son mellores hoxe porque hai máis xente que os axuda”

Te puede interesar