Nos anteriores comicios foi a forza menos votada en Ferrol, con 11 formacións. Nestas eleccións preséntanse oito, cal é a súa meta?
A meta de LiGanDo é chegar a obter representación no Concello para poder introducir nas institucións as políticas decrecentistas cun enfoque ecofeminista que nos faga resilientes individual e colectivamente ante un mundo en devalo en enerxía e materiais e sumido na incerteza climática.
Que a anima a presentarse da situación que ve na cidade?
Invertir o modelo político que vimos sufrindo durante décadas. Un teleconcello cada vez máis bunkerizado, centralizado e non participativo, cos servizos básicos privatizados, entregado á especulación urbanística de intereses inmobiliarios de nova vivenda sen apenas rehabilitación, aos ditados de Defensa ou das comenencias estatais e autonómicas, sen apostar polos circuitos económicos sociais de proximidade.
Está entregado ás multinacionais que destrúen a industria e o comercio local, sen apostar polos espazos de encontro comunitarios nos barrios, renunciando a sanear integralmente, a reforestar e recuperar ecosistemas como sumidoiros de carbono, perseguindo a cultura de base e pechando bibliotecas. Non hai plan municipal de educación na integración seria contra o acoso.
Cal sería a súa proposta “estrela” e, sucintamente, que importante cambio faría nas políticas urbanísticas, sociais e culturais municipais?
A proposta estrela de LiGanDo será a creación de emprego de calidade cunha Rede Municipal de Coidados potente para atender debidamente ás persoas maiores, dependentes e crianzas, complementado coa plataforma dixital E-coida, Terapia ocupacional domiciliaria, Banco de tempo, programas de formación, Memoria coletciva…
Sobre política social tamén está a necesidade de remunicipalizar os servizos básicos, potenciar a economía verde e colaborativa local… En política urbanística levamos no programa as vivendas sociais de xestión municipal coa aposta pola rehabilitación, o alugueiro social, as vivendas colaborativas municipais ou covivendas, axudas á rehabilitación enerxética, albergues para persoas sen recursos ou en estancias temporais…etc.
En política cultural incluimos o programa km 0. Autoxestión e participación descentralizada en barrios e parroquias con orzamentos vinculantes, redes cooperativas culturais, dinamización dos centros sociais e veciñais, casa de xuventude, casa da muller…e unha rede de bibliotecas de calidade.
Algo que salvar do goberno local? Que non perdoa?
Do goberno actual nada salvábel. O máis grave foi a entrega da superficie do Sánchez Aguilera ao tixolo perdendo o pulmón verde para a cidade. A política social ausente nunha cidade cun tremendo empobrecemento. O atranco á cultura de base. A situación do transporte público...
Frente a outras formacións cunha forte campaña electoral, como transmite o programa LiGanDo?
Na cercanía, a través das iniciativas presentadas durante estes catro anos, nas charlas políticas e nas redes sociais. Os formatos enfócanse só aos grandes partidos. Seguimos na política desigual. Por non falar do despilfarro económico dos partidos nas campañas