O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apoiou onte a presentación da candidatura de Olaia Ledo á Alcaldía de Narón, nun acto que se celebrou durante a mañá na praza da Gándara. Alí, Rego reivindicou a capacidade transformadora e de xestión dos nacionalistas nos lugares nos que gobernan. “Os gobernos municipais do BNG desenvolven políticas transformadoras que mudan, en positivo, a vida da xente”. Son, afirmou, “unha marca de prestixio dentro dun proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do país e que cumpre todo aquilo co que se compromete”.
Subliñou un programa que aspira a estender e mellorar os servizos públicos e a dotar de máis recursos ao Concello e lembrou que un grupo de goberno encabezado polo BNG “non só contará co apoio da organización na localidade, senón cunha organización enteira que ten experiencia e proxecto de futuro”.
Tamén resaltou o traballo realizado no Congreso dos Deputados, grazas ao cal “non existe problema nin solución que o BNG non levara á cámara baixa para reclamarlle ao goberno do Estado que atenda as necesidades do país”.
O multitudinario acto na Gándara incluíu intervencións e música, esta última a cargo do grupo Vai Rañala Meu. Antes, falaron persoas que integran a candidatura, como Bea Mosquera e Lucía Barros, e simpatizantes como Diana Lata –que foi directora do centro sociocomunitario Manuela López Sequeiros–, ou Pablo Melaski, vencellado á loita veciñal contra a Sareb nas vivendas de Piñeiros.
Olaia Ledo presentou un proxecto que pon “a democracia, os dereitos, o deporte, a cultura, a formación, o emprego e os servizos sociais no centro; en definitiva, ás persoas e o seu benestar”. Criticou o que considera catro anos “nos que Narón non avanzou en nada e todo o que se fixo ou non existe ou está a medias” e ademais falou do concello como parte de Galicia. “Narón non é unha illa por moito que nola queiran vender así”, concretou. “Os que falan de que non lles escoitan fano para botar balóns fóra e porque non poñen os problemas de Narón onde se merecen”, afirmou a candidata. “Iso o que fai é que a veciñanza paguemos dúas veces, como ocorre na taxa de saneamento aprobada polo PP e TEGA ou en tantos servizos”.
A candidatura que lidera Olaia Ledo complétana Eugenio Carballeira, Beatriz Mosquera, Manuel José Teijeiro, Carlos González, María Dolores Prieto, Nicolás Joaquín Manso, Lidia Romero, Manuel Ángel Hermida, Marta Grandal, José Daniel Agulló, Ana Mouriño, Lucía Barros, Rodolfo Fernández, José Luis Rey, María Pilar Carballeira, Daniel Amarelo, Ángela Iglesias, Marcos Sánchez, Silvia Fernández e José Ángel Rodríguez.