Hai algúns meses, con motivo dunha exposición, fixéronme neste mesmo medio unha entrevista que me deixou moi satisfeito. Entre todas as respostas parecíame que quedaba especialmente redonda unha que dicía algo así como que “a vida é actitude, a arte é actitude”. Pasado o tiempo e reflexionando sobre isto, hoxe modificaría a sentenza e deixaríao en “a vida é actitude, a arte é resistencia”.
O primeiro que me ensinaron na Facultade de Belas Artes, naquela Sevilla de finais dos anos 80, é que ás inauguracións se tiña que chegar con fame. Así, entre minimalistas americanos ou novos expresionistas alemáns, un debe pegarse con forza á mesa dos canapés e comer como se non fora a repetir en días. Nesa tarefa descubrín que nunca estaba só e mesmo competía con ilustres artistas que aparecen nos libros de historia. Pasado un certo tempo e curiosamente case coincidindo co final das Olimpíadas de Barcelona ou da Exposición Universal da mesma cidade andaluza aquilo de dar de comer nas mostras de arte pasou de moda.
“Porque a arte non é unha profesión, senón unha maneira de entender e afrontar a vida”
Foi xustamente nese momento cando decidín que se quería conservar a miña liberdade, poder dicir que non no mundo da plástica, ía ter que traballar de calquera outra cousa. Porque a arte non é unha profesión, é unha maneira de entender e afrontar a vida. Non se me ocorre nada máis terrible que converter unha vocación nunha especie de esclavitude, perseguindo vendas ou subvencións de administracións públicas con auténtica ansiedade.
Como xa levo uns anos neste mundo, podo dicir que isto é así agás en moi contadas excepcións, e mesmo estas presentan sombras moi marcadas. Na miña traxectoria vin morrer moitas galerías e volver á casa materna a creadores que nun momento determinado parecían ter carreiras brillantes e sólidas.
Malia o anteriormente relatado, en Ferrol, como en calquera cidade, hai sociedades artísticas e entidades ilustradas que fan da croqueta o auténtico fin da súa actividade cultural. Mentres se entreteñen coa tortilla, aproveitan para impor algún premio anual ao alcalde ou ao concelleiro de Cultura –falo por experiencia– coa finalidade de conseguir o necesario apoio para continuar cun labor rutineiro e de escasa ambición. Gustan de celebrarse a si mesmas e enchen bibliotecas e legados de publicacións que pasaron de moda antes de ser editadas. É unha actividade respectable, unha forma de entender o asunto, pero non nos enganemos: o noso reino non é deste mundo.
“En Ferrol hai sociedades que fan da croqueta o auténtico fin da súa actividade cultural”
Actitude é saír pintar ou colgar makakos polas rúas na noite. Resistencia é facelo durante anos, mesmo décadas. Como non é unha actividade patrocinada polo Concello, hai que comportarse con certo sixilo baixo risco de multa ou de quedar sen materiais pictóricos. Quizais tras ese labor, quizais non, un día descubras que as festas patronais arranquen co berro de guerra de “Ferrol mola”. Así se escribe a historia, pero, aínda que algo pareza plenamente institucionalizado, hai que levantarse cada mañá a pelexar.
Facer arte hoxe en día é construír barricadas en cada recanto. Barricadas, a máis popular e efémera das arquitecturas contra esta sociedade. Non son bos tempos para a lírica; de feito, malia o que poida entenderse da canción, nunca o foron: os tempos sempre parecen malos ou moi malos. Non se trata de ser clasistas –todo o contrario–, pero niso que actualmente se chama “batalla cultural” e que aparece coma o auténtico alimento da loita política temos que ser máis atrevidos, máis radicais, máis atractivos, buscando convencer a unha poboación que, do contrario, se achega de maneira rutineira a produtos de consumo fácil.
“Actitude é saír pintar makakos polas rúas na noite; resistencia é facelo durante décadas”
E é que hoxe se apela ao sentido común e mesmo á liberdade para retroceder no tempo, e a arte ten a obriga de mirar cara adiante, de ser vangarda. Honramos a tradición cando provocamos que avance.
Eu son un convencido dalgo que Joseph Beuys, un artista alemán do século XX, definiu como “escultura social”. Consciente do potencial creativo de cada ser humano en todas as actividades que desenvolvemos, atopaba nela a forza motora do progreso e a transformación da nosa contorna. Isto pode parecer complicado de entender, pero de maneira simple implica que, nun mundo capitalista dominado pola ditadura dos números, a imaxinación é un elemento chave para ter unha mellor vida individual e colectiva.
A verdade é que estou nunha crise persoal, a da idade, preto xa de engrosar as filas dos xubilados, un sector tamén con moita ascendencia na vida cultural da nosa comarca. Actitude e resistencia é non relaxarse na contemplación dos camiños percorridos, non deixarse invadir pola morriña daqueles que non transitamos. Cada momento é unha oportunidade dunha revolución persoal, unha adaptación constante cara a un ideal que nunca alcanzaremos.