A preocupación pola proliferación de plásticos en espazos como os portos está no cerne do proxecto “Repera” que o Campus Industrial de Ferrol, a través do Grupo Integrado de Enxeñaría, desenvolve coa multinacional GT, implantada desde hai anos na comarca. Xuntos traballan nun sistema para evitar que residuos e materiais fabricados con este material cheguen a mar aberto e empeoren unha situación que comeza a ser alarmante.
“Temos un problema serio cos plásticos que chegan ao mar, fundamentalmente a través dos ríos, e iso tamén se aplica ás zonas como os portos, as enseadas e as rías”, asegura Alicia Munín, investigadora, xunto con Vicente Díaz, do Campus Industrial da UDC.
O proxecto consiste na instalación de dúas barreiras. Unha primeira, apunta Munín, “é do material co que, por exemplo, están feitas as zodiac, máis física, que se enche de aire e que fai unha primeira contención dos plásticos”. Pero este sistema non é axeitado para entornos como os portuarios, nos que hai un tráfico de embarcacións de diferentes tipos e tamaños. “Poden colisionar coa barreira e rompela, dispersando os plásticos”, engade a investigadora, de aí que pensasen nun segundo elemento, feito de burbullas, que permitise manter a función de control do plástico pero sen interferir na actividade portuaria.
Para iso, o grupo fixo ensaios na Canle de Experiencias do Campus “coas dúas barreiras a escala. Analizamos a densidade das burbullas para facer esa contención con modelos de barcos que pasaban por riba dela para ver se a densidade era suficiente como para que o paso da embarcación non implicase a dispersión dos plásticos”, explica a investigadora do Campus. Para que o mecanismo funcionase era preciso implementar dous algoritmos, “que son fundamentais porque o que buscamos é que o sistema sexa autónomo”.
Coa barreira de burbullas permítese a actividade normal nun porto ao tempo que se conteñen os plásticos
Así, incorpora dúas cámaras que van permitir saber, en primeiro lugar, se se aproxima un barco e, por outro lado, que tipo de embarcación é. Con esta información, “no momento en que estamos baixando a barreira física estamos a xerar as burbullas na densidade determinada para evitar a perda dos plásticos. Do que se trata é de adaptarnos aos movementos normais dentro dun porto para que o sistema manteña a súa función, que é a captación e contención deste material”.
A fase de estudio e simulación está rematada, adianta Alicia Munín, e agora chega outro momento decisivo, que é a implementación nun entorno real. “Aí teremos unha barreira adaptada ao lugar e o normal é probar nun río con embarcacións máis pequenas, nun entorno máis controlado que non noutro espazo de máis tráfico, pero real en calquera caso”.
Polo de agora, o proxecto “Repera” ten o ofrecemento para facelo no río Lérez, aínda que está aberto a outras opcións. “En Pontevedra”, engade a investigadora, “xa tiñan unha barreira física montada, un sistema moi simple para a contención dos plásticos, pero non era autónomo. Agora non a teñen e queren volver intentalo. Alí hai moita preocupación polo medio ambiente e están dispostos, pero estudaremos as opcións que se nos presenten”.
Munín comparte esa preocupación polo coidado da contorna. “Como enxeñeiros navais que somos”, declara, “estamos moi concienciados cos plásticos e coa contaminación no mar. Estamos tratando de minimizar a través dos barcos esa contaminación como a dos hidrocarburos. Os plásticos non os podemos controlar porque non están estritamente asociados aos barcos, pero estas iniciativas si que nos axudan a contribuír neste aspecto, xunto con empresas como CT, tan comprometida coa investigación”, conclúe.