A planta de acceso ao Concello de Narón acolle durante este mes a mostra de pezas artísticas realizadas por alumnado da cidade. A proposta xurdiu con motivo do Día Internacional contra o acoso escolar, que se conmemorou o pasado 2 de maio, cando os estudantes elaboraron uns carteis reivindicativos para manifestar a oposición ante esta práctica.
A mostra inclúe, ademais dos carteis elaborados polos escolares, un “display” e un “photocall” conmemorativo coas cores do acoso escolar, así como unha proxección con fotografías do alumnado participante mentres sostén as súas obras.
A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, lembrou que preto de 450 escolares de quinto e sexto de educación Primaria e de primeiro da ESO, xunto con profesorado de centros de ensino de Narón, se implicaron este curso nos obradoiros de convivencia e prevención do acoso neste ámbito, ofertados dende o Consistorio no marco do programa de Recursos educativos de apoio á escola.
Ameneiro agradeceu o traballo realizado polos alumnos dos colexios da Gándara, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, A Solaina, xunto co do IES As Telleiras e dos CPR Jorge Juan e Ayala.
Os obradoiros de convivencia escolar e prevención do acoso neste ámbito teñen o obxectivo de crear un espazo de reflexión crítica e diálogo onde abordar aspectos das relacións interpersoais, a convivencia nos diferentes contextos, as situacións de desequilibrio e a existencia de vínculos baseados na violencia, que desembocan no acoso.