As obras do certame Poesía e Imaxe deste ano penduran no Carvalho Calero até o venres

As obras do certame Poesía e Imaxe deste ano penduran no Carvalho Calero até o venres
A todos os participantes entregóuselles a reprodución dunha imaxe coa súa obra xunto a un libro conmemorativo | JORGE MEIS

“En galego, sen filtro”, é o nome da edición número 24 do certame Poesía e Imaxe, polo que resultaron seleccionadas preto de 60 obras que estarán expostas até este venres no Centro Cultural Carvalho Calero. A mostra está organizada polo Concello de Ferrol e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.


Esta semana adxudicáronse os premios polos traballos artísticos realizados por alumnos de 13 centros de ensino, dos que un pertence ao concello de Valdoviño e o resto ao de Ferrol. A concelleira de Normalización Lingüística, Patricia Cons, entregou os recoñecementos no mesmo acto de inauguración.


En total, os seleccionados foron 56 alumnos e dous grupos de educación infantil, que presentaron as súas obras de carácter colectivo. Todos os traballos conforman unha exposición de gran variedade, tendo en conta os niveis educativos dispares que concorren nesta convocatoria.


Os centros aos que pertence o alumnado que recibiu o galardón son os CEIP Ponzos, Isaac Peral, Juan de Lángara e A Laxe, ademais dos CPR Ludy e Belén, así como CEE Terra de Ferrol, CPI Atios e os IES Sofía Casanova, Concepción Arenal, Saturnino Montojo, Canido e Ferrol Vello.


Así pois, este concurso de creación artística está dirixido a todos os niveis do ensino non universitario. É dicir, está aberto a alumnos de educación infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e incluso, a Ciclos Formativos.
Para este certame, os participantes elaboraron as súas manifestacións artísticas que podían ser audiovisuais ou ben debuxos, pinturas, colaxes ou fotografías, nas que reflicten diversas pezas líricas da literatura universal.


Unha das prioridades do Concello de Ferrol é o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística coma esta,  que se axustan ao contido recollido no Plan de Normalización deste eido, que están pensadas, en especial, para a os sectores da mocidade e o ensino, coa finalidade de potenciar un maior uso do galego entre os usuarios. 

As obras do certame Poesía e Imaxe deste ano penduran no Carvalho Calero até o venres

Te puede interesar